Imaxe: Biblioteca de Socioloxía e CC. da Comunicación da UDC |
Comezamos esta publicación
lembrando que a Universidade da Coruña, e por extensión o Servizo de
Biblioteca, ten un firme compromiso coa diversidade afectiva, a identidade de
xénero, a igualdade e a loita contra o odio e a intolerancia, tal e como se
describe na Declaración
do 17 de marzo Día Internacional contra a LGTBIfobia, que suscribiu xunto
con outras universidades españolas.
No que respecta ás bibliotecas, temos
un compromiso coa información, os dereitos culturais de todas as persoas, o
respeto á diversidade e opoñémonos a calquera forma de censura, como así pon de
manifesto a IFLA,
portavoz a nivel mundial dos profesionais das bibliotecas. O labor social que
se realiza desde as mesmas é moi importante: non só se trata de ofrecer información
e coñecemento, senón de como facer que eses coñecementos e eses servizos sirvan
á sociedade e a melloren para a construción dun mundo máis tolerante, máis
igualitario e, en definitiva, máis humano.
Neste artigo
de José Antonio Gómez Hernández e Javier Pérez Iglesias publicado en 2017
no Anuario ThinkEPI, conclúese que “Las
comunidades LGTBI necesitan a las bibliotecas porque la mayor parte de sus
problemas proceden de prejuicios muy arraigados, de falsas certezas que
favorecen el odio y la LGTBIfobia. Eso quiere decir que la sociedad necesita,
para superar esos prejuicios y esas fobias, una información veraz y
desprejuiciada y nada mejor que una buena biblioteca en acción para lograrlo”. Así,
é importante que desde as bibliotecas se visibilicen as diferentes opcións
sexuais tanto para contribuír á súa normalización como para loitar contra a
LGTBIfobia, ofrecendo a oportunidade de achegarse a esta temática ao público
que, de antemán, poida ser reticente.
No que atinxe ao Servizo de
Biblioteca da UDC, queremos salientar o amplo fondo sobre LGTBI que alberga a Biblioteca de
Socioloxía e Ciencias da Comunicación, en gran parte debido á estreita relación
das titulacións que se imparten nesta facultade con esta temática. Nos seus
estantes pódense atopar todo tipo de libros, estudos, ensaios, análises sobre
sexualidade, orientación sexual, xénero e identidade, historia do movemento,
reivindicacións, así como películas que teñen este tema como protagonista.
Ademais, nos últimos anos vén
realizando diversas mostras e exposicións coa finalidade de visibilizar a realidade
deste colectivo. Un exemplo é a mostra bibliográfica O xénero
en disputa, realizada o ano pasado con motivo da celebración do orgullo dos
colectivos LGTBIQ e na que se reuniu bibliografía no seu perfil de Pinterest ao
redor das cuestións da identidade de xénero e os estudos queer que están
actualmente no foco da polémica.
Outra iniciativa que recentemente
se realizou dende o Servizo de Biblioteca foi esta guía sobre feminismo,
xénero e igualdade, máis centrada na igualdade de xénero, pero que tamén
inclúe diferentes recursos sobre identidade sexual, LGTBI, etc.: fondos na
biblioteca, traballos académicos, asociacións e institucións, etc.
Para finalizar, deixámosvos
ligazóns a algúns termos de materia ou palabras clave que se poden utilizar
para recuperar fondos sobre estas temáticas no catálogo da biblioteca:
Bisexualidad
/ Discriminación
sexual / Diversidad
sexual / Gay
/ Género
/ Homofobia
/ Homosexualidad
/ Identidad
sexual / Intersexualidad
/ Lesbianismo
/ LGTB*
/ Orientación
sexual / Queer
/ Teoría
de Queer / Trans
/ Transexualismo
/ Transgénero
Ademais destes fondos, tamén destacamos que unha das últimas bases de datos subscritas pola biblioteca, PressReader, portal de novas que dá acceso a unha ampla selección de periódicos e revistas de múltiples materias e de ámbito mundial, inclúe unha categoría temática dedicada a LGBTQ con 13 publicacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario