A Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) é un organismo das Nacións Unidas creado en 1967 e do que forman parte 193 estados. A súa misión é desenvolver un sistema internacional de propiedade intelectual. Para o caso que nos ocupa, os dereitos de autor protexen as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas e permiten obter recoñecemento ou ganancias por estas.
A OMPI administra un total de 26 tratados. Un deles é o Tratado de Marrakech para facilitar o acceso ás obras publicadas ás persoas cegas, con discapacidade visual ou con outras dificultades para acceder ao texto impreso. Tamén está dispoñible en formato braille e en formato audio.
O Tratado de Marrakech é o primeiro tratado de dereitos de autor concebido en consonancia cos dereitos recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O seu obxectivo é facilitar o acceso a todos os libros publicados ás persoas cegas, con discapacidade visual ou dificultade para ler textos impersos e aminorar así a dificultade que ten este colectivo para acceder aos millóns de libros publicados anualmente.
O Tratado ten dúas obrigas principais:
- Prever unha limitación ou unha excepción aos dereitos de autor para permitir reproducir exemplares das obras nun formato accesible para as persoas con dificultade no acceso ao texto impreso.
- Permitir o intercambio transfronteirizo deses exemplares nun formato accesible para estas persoas.
Catro son os beneficios de adherirse a el:
- Aumentar a sensibilización sobre as complicacións que afrontan as persoas con dificultade para acceder aos textos impresos e as persoas con discapacidade.
- Facilitar o acceso á educación grazas aos materiais educativos en formatos accesibles.
- Mellorar a integración social e a participación cultural. O acceso a materiais como libros, periódicos, revistas... permite a estas persoas participar na evolución cultural da súa comunidade como consumidores ou como creadores.
- Aliviar a pobreza e axudar ao seu desenvolvemento profesional.
Este Tratado entrou en vigor en 2016, ratificado en primeiro lugar por 20 países. Desde o 1 de xaneiro de 2019 está en vigor en toda a Unión Europea. Desde entón, toda a cidadanía europea pode acceder libremente a un gran volume de obras en braille, en audio ou con outras adaptacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario