Esta semana vén de publicarse a
última edición do JCR, cos índices de impacto para o ano 2020 das revistas
recollidas na base de datos Web
of Science (WoS).
Entre as principais novidades
destacan:
- Nova interfaz e cambios na presentación de resultados. Con todo, a versión clásica estará dispoñible ata finais de 2021, e é accesible desde o menú superior dereito Products.
- Amplíase a cobertura das revistas, reflectindo a totalidade da investigación que recolle a Web of Science Core Collection e incluíndo revistas dos índices Arts & Humanities Citation Index (AHCI) e o Emerging Sources Citation Index (ESCI).
- No cálculo do factor de impacto, agora téñense en conta os documentos publicados "first online", aqueles que aínda non teñen lugar nun número e/ou volume concreto.
- Presenta unha nova métrica, o Journal Citation Indicator, que trae máis contexto ao abanico de métricas do JCR, moito máis aló do factor de impacto dunha revista.
Respecto a isto último, cabe
salientar que o factor de impacto só o terán as revistas de dous índices (Social
Science Citation Index e Science Citation Index), mentres que o novo Journal
Citation Indicator o terán todas as revistas da colección principal de WoS (os
dous índices mencionados anteriormente e o Arts & Humanities Index e
Emerging Source Citation Index). Polo tanto, moitas revistas terán as dúas
métricas, e outras só o Journal Citation Indicator, xa que o factor de impacto
é máis restritivo.
Para presentar as novidades
citadas, o portal do JCR ofrece unha serie de tours guiados, aos que se pode acceder premendo na icona de
interrogación situada na parte inferior dereita da pantalla.
Como se sinala nesta infografía,
o JCR 2020 inclúe un total de 20.942 revistas provenientes de 113 países, das
cales 9.509 pertencen ao Science Citation Index, 3.511 ao Social Sciences
Citation Index e 1.784 ao Arts & Humanities Citation Index, tendo en conta
que algúns dos títulos poden estar incluídos en diferentes índices a un mesmo
tempo. Do total de títulos, 4.672 trátanse de revistas en acceso aberto. Ademais,
nesta edición, 207 revistas teñen factor de impacto por primeira vez e 10
deixan de telo.
Por último, informámosvos que Clarivate impartirá o vindeiro 21 de xullo o webinar Descubre el nuevo Journal Citation Reports 2021, que require inscrición co correo electrónico institucional, e no que se difundirán e explicarán todas estas novidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario