Como todos estes últimos anos
nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o
Servizo de Biblioteca queremos promocionar a lectura recomendando algunhas
ideas para este verán.
Son múltiples as listaxes de
recomendacións de libros que aparecen nesta época do ano dende diversos medios.
Un exemplo son os xornais, que a
través dos seus suplementos ou artigos ofrecen numerosas suxestións: en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia, seleccionan as mellores
historias que as editoriais prepararon para gozar este verán en “Mete
un libro en la maleta”; pola súa banda, no ABC publican “Lecturas
estivales: 12 libros que transcurren en verano”, nunha selección que vai de
Stevenson e William Golding a Cesare Pavese e Thomas Mann.
Tamén algunhas editoriais mostran nas súas páxinas web
recompilacións dos mellores libros. É o caso de Planeta, que a través da
sección Libros
para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “Novelas negras para
un verano lleno de adrenalina”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, “Cocina,
recetas y nutrición”, etc., ao igual que Penguin
Random House, con “Los libros imprescindibles para pasar el mejor verano”
ou “La mejor no ficción para este verano”, entre outros.
Os blogs ou portais de
literatura son outras das fontes nas que atoparedes artigos con
recomendacións. É o caso de Estandarte
coa Selección
de 9 libros para el verano de 2021 ou Quelibroleo
con Lecturas
recomendadas para el verano 2021.
No que respecta ao Servizo de
Biblioteca da UDC lembrámosvos que nalgunhas bibliotecas das escolas e
facultades da universidade contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas
para todos os gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe,
etc.
Para os que preferides os libros electrónicos tedes ao voso
dispor leBUC, a plataforma de préstamo
de libros electrónicos do Servizo de Biblioteca, na que podedes atopar
narrativa galega ou ficción moderna e contemporánea española, entre outras
temáticas.
Para finalizar, queremos sinalar que outras bibliotecas da nosa contorna tamén preparan propostas para o verán. É o caso das Bibliotecas Municipais da Coruña, que conscientes este ano da necesidade dun turismo de proximidade, máis sustentable e respectuoso, elaboraron esta Guía de turismo responsable, con recursos como libros, apps ou webs para gozar do tempo libre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario