viernes, 23 de abril de 2021

Día do Libro 2021


Hoxe 23 de abril conmemórase a celebración do Día do Libro, fixado pola UNESCO dende 1995 nesta data, por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixen unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Tiflis (Georgia), que propuxo un programa centrado no uso de tecnoloxías modernas como ferramentas poderosas para promover a lectura entre a mocidade.

O cartel elixido este ano polo Ministerio de Cultura y Deporte para conmemorar este día, e que acompaña a esta publicación, céntrase na figura de Francisco Brines, último escritor galardoado co Premio Cervantes, e foi deseñado polo Premio Nacional de Ilustración 2020, Sonia Pulido.

Un ano máis, o Instituto Cervantes está a organizar un programa de actividades na denominada Semana Cervantina, que finaliza hoxe cun programa especial de Radio 3 que durante 13 horas ininterrumpidas (de 7 a 20 h.) estará dedicado ao libro en tódalas súas facetas.

Os museos tamén se unen a esta celebración. Un exemplo son as actividades organizadas polos museos estatais para seguir a través das súas páxinas web e redes sociais. Como detalle neste día, tamén ofrecen a posibilidade de descargar e imprimir marcapáxinas dos diversos museos.

Na nosa comunidade autónoma, Ferrol acolle dende hoxe e ata o domingo a primeira Feira do Libro de Galicia deste 2021, á que acudirán máis de 30 escritores e escritoras. O programa completo pódese consultar na web da Federación de Librarías de Galicia.

As bibliotecas e librarías da Coruña tampouco faltan a esta cita. É o caso da Biblioteca Provincial da Deputación, que ademais de realizar unha felicitación especial en forma de vídeo, tamén fai un pequeno sorteo, ensina algunha xoia do seu fondo e recomenda a obra do galardoado Francisco Brines. Pola súa parte, unha das librarías con máis tradición da cidade, Arenas, celebrará diferentes sesións de firmas de exemplares cos seus autores, ademais de ofrecer un desconto do 10%. A plataforma de comercio online das librarías independentes, todostuslibros.com, ofrece información sobre os libros máis vendidos e recomendacións sobre cómics e libros para todas as idades.

 Outras ligazóns de interese:

- Lecturas viajeras para el Día del Libro, no xornal El País.

- Sant Jordi: 30 recomendaciones para regalar en el Día del Libro, no xornal El Mundo.

- Los mejores títulos de 2021 para celebrar el Día del Libro: presentadores e colaboradores culturais de RTVE recomendan os mellores libros de 2021.

No hay comentarios: