jueves, 28 de octubre de 2021

Semana Internacional do Acceso Aberto 2021

Esta semana celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto 2021, co lema "Importa como abrimos o coñecemento: construíndo a equidade estrutural". Neste ano, e seguindo a recomendación da UNESCO sobre ciencia aberta, destácase a importancia da equidade no acceso ao coñecemento por parte tanto dos produtores como dos consumidores do mesmo, buscando acadar un futuro no que este coñecemento estea aberto por defecto.

A Red de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde desde este portal as accións que se levan a cabo nas diferentes universidades e o CSIC: accións formativas, mesas redondas, difusión en redes sociais, etc. O acto central terá lugar o venres 29 de outubro ás 10 h., coa conferencia en liña “Hacia una nueva generación de repositorios” a cargo de Tránsito Ferreras, directora do Servicio de Bibliotecas de la Universidad de Salamanca.

Ademais, neste portal destácase a publicación do informe “Medición del Acceso Abierto en las universidades españolas y el CSIC (2016-2020)”, onde se amosa que en catro anos o conxunto de documentos científicos españois publicados en aberto superan aos que non o están. Outro feito que se salienta é o recente galardón de REBIUN co “Open Educational Award for Excellence” pola adaptación do Kit REA (Recursos Educativos en Aberto), que realizou a partir do modelo existente en Canadá.

As editoriais académicas tamén se suman á celebración desta semana a través da campaña  Abre tu libro al mundo”, divulgando unha selección de títulos de editoriais da Unión de Editoriales Universitarias Españolas publicados en aberto ao longo de 2021.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC, participamos nesta semana cunha guía informativa que recolle os tres piares fundamentais do noso compromiso coa difusión do acceso aberto entre a comunidade universitaria: as infoguías Acceso aberto, Os acordos transformativos na UDC e O RUC, repositorio institucional da UDC.

Outros documentos de interese:

- Compromisos de las Universidades ante la Open Science, publicado pola CRUE en 2019.

No hay comentarios: