viernes, 5 de noviembre de 2021

Antonia Gutiérrez Bueno: a primeira muller usuaria da Biblioteca Nacional de España

A actual Biblioteca Nacional de España (BNE) abriu as súas portas en 1711 como Real Biblioteca Pública, pero impedindo o acceso ás salas de lectura ás mulleres co pretexto de que podían molestar aos usuarios, permitíndoselles a entrada só en días extraordinarios e de visita, nunca como lectoras. Por aquel entón estaba aberta unicamente ao público varón e ilustrado da época, nuns tempos onde a cultura era un ámbito masculino e ao que raramente accedían as mulleres. Tiveron que pasar máis de 100 anos ata que, en 1837 e despois dunha longa loita, Antonia Gutiérrez Bueno conseguise autorización para entrar a estudar e consultar libros, cumprindo así o seu soño e, á vez, o doutras moitas mulleres da época.    

Nacida no seo dunha familia acomodada e ilustrada, Antonia tivo acceso desde nena á gran biblioteca que había na súa casa e que posuía o seu pai, o químico e farmacéutico ilustrado Pedro Gutiérrez Bueno, boticario maior do rei. Educouse, polo tanto, nunha contorna no que os libros (dicionarios, gramáticas, tratados científicos…) constituían un elemento cotiá.

A solicitude de Antonia tiña como motivo atopar documentación para a continuación do Diccionario histórico y biográfico de mugeres célebres, que comezara a publicar en 1835 cun  pseudónimo masculino (Eugenio Ortazán y Brunet), práctica habitual na maioría das escritoras do século XIX. Nunca chegou a terminar o dicionario ou, polo menos, non hai constancia diso, e despois desa data só publicou artigos, algúns en defensa do dereito á educación das mulleres.

A pesar do logro conseguido, os xornais de entón non lle prestaron atención e a vida de Antonia Gutiérrez Bueno, que morreu en 1874, desvanécese no anonimato, do mesmo xeito que a doutras moitas mulleres ilustres.

A propia BNE dedícalle unha publicación no seu blog, da cal extraemos a fotografía que acompaña a este texto.

Artigos relacionados e consultados:

- Leer era cosa de hombres, no xornal El País.

- La primera usuaria de la Biblioteca Nacional, no blog da BNE.

- La gesta de Antonia Gutiérrez Bueno, la mujer que abrió el paso a las mujeres en la Biblioteca Nacional de España, no blog de SEDIC.

- 1.837: La Biblioteca Nacional, por primera vez, abre sus puertas a la mujer, por Miryam Carreño Rivero e Carmen Colmenar Orzaes. En: Historia de la educación: Revista interuniversitaria, nº 5, 1986, páxs. 177-182.

No hay comentarios: