viernes, 23 de octubre de 2020

Semana Internacional do Acceso Aberto 2020


Esta semana estase a celebrar en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (Open Access Week), unha iniciativa anual para sensibilizar sobre os beneficios deste movemento. Grazas a el podemos atopar un gran volume de literatura científica dispoñible en liña para ler, descargar, copiar, utilizar…, sen restricións económicas, legais e técnicas. Este ano ten por lema Abrir con Propósito: Emprender acciones para construir equidad e inclusión estructurales, e por terceiro ano consecutivo está centrada no tema da equidade no coñecemento aberto, destacando a necesidade urxente de levar a cabo accións para alcanzar a equidade e inclusión global no acceso aos resultados de investigación.

Como en anteriores edicións, a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as actividades realizadas dende diferentes universidades españolas neste portal. Ademais, este ano mediante a iniciativa “Testimonios abiertos” ofrécense distintas experiencias levadas a cabo no ámbito da ciencia aberta durante a pandemia. Outro interesante proxecto que presenta é este kit de REA, unha guía sobre que son, como se crean e comparten os recursos educativos abertos (REA), materiais de aprendizaxe ou de ensino que se atopan en dominio público ou que se crearon baixo unha licenza aberta. Trátase dunha tradución e adaptación ao español do recurso orixinal OER Toolkit, e inclúense explicacións, exemplos prácticos, vídeos, infografías e outros recursos de interese.

Tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado para o evento nos seus inicios hai trece anos e que co paso do tempo converteuse nunha plataforma de interacción e información a nivel global do movemento polo acceso aberto.

Dende o Servizo de Biblioteca da UDC ofrecemos algúns servizos de apoio á investigación para lograr o acceso aberto dos resultados. É o caso do repositorio institucional, o RUC, que ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia. Tamén establecéronse acordos con algúns editores grazas aos cales os autores da UDC que desexen publicar en acceso aberto benefícianse dalgún desconto.

Rematamos esta publicación indicando que na web da biblioteca ofrecemos a sección Movemento Acceso Aberto, que inclúe numerosos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto, recursos educativos, etc.

No hay comentarios: