O Servizo de Biblioteca da UDC
ofrece a posibilidade a través da súa páxina web de que as persoas
usuarias realicen determinados trámites en liña sen necesidade de pasar pola
biblioteca. Aínda que hai xestións que xa levan tempo instauradas, outras
implantáronse ou adaptáronse como consecuencia da Covid19, como é o caso da cita previa
para determinados servizos. Actualmente, só é necesaria para o estudo ou
consulta en sala nalgunhas bibliotecas da universidade.
Unha das ferramentas de gran
interese para os/as usuarios/as é O meu rexistro, que
dá acceso a distintos trámites: consultar e renovar os préstamos, reservar
documentos, consultar e cancelar as reservas, gardar e consultar o historial de
lectura (permite saber qué documentos se tiveron en préstamo no pasado),
acceder á consulta do catálogo, gardar as buscas preferidas, solicitar alertas
por correo electrónico de novas incorporacións ao catálogo, así como crear
listaxes con documentos do catálogo que lles interesen. Ademais, por mor da
pandemia da Covid19, na actualidade é necesario reservar a través de O meu rexistro aqueles
títulos, tanto dispoñibles como prestados, que se queren levar en préstamo. As
persoas usuarias recibirán un correo electrónico indicándolles cando poden ir a
recoller os documentos. Neste vídeo ou nesta presentación
podedes consultar o procedemento para a reserva dos documentos.
No que respecta ás persoas que
non son membros da comunidade universitaria da UDC, poden solicitar en liña o carné
de usuario/a externo/a para poder acceder ao servizo de préstamo.
Outro trámite que se realiza en
liña son as solicitudes do servizo de préstamo
interbibliotecario, que ten como obxectivo localizar e solicitar a outras
bibliotecas fóra da UDC aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman
parte das coleccións das bibliotecas da nosa universidade. Neste pequeno manual
pódese consultar o proceso para darse de alta neste servizo, e cada
petición que se queira facer realizarase vía web a través deste formulario.
A biblioteca tamén ofrece tres
formularios en liña para atender diversas cuestións:
- Contacta
coa biblioteca: para consultas, dúbidas, queixas ou suxestións sobre o
servizo ou sobre algunha das bibliotecas.
- Solicitude
de adquisicións: para solicitar a compra dunha obra que consideredes
necesaria na colección da biblioteca.
- Petición
dunha procura bibliográfica: para solicitar axuda na busca de información
para os vosos traballos de aula, o TFG/TFM ou os traballos de investigación.
Ademais de a través destes
formularios, tamén podedes contactar con nós por correo
electrónico, por teléfono ou
polas nosas redes
sociais. Todos estes trámites que citamos tédelos dispoñibles na sección Xestións en liña da
nosa páxina web.
Rematamos esta entrada lembrándovos que á parte destes trámites online de carácter xeral, non debedes esquecer a gran cantidade de recursos de información, tanto gratuítos como contratados pola biblioteca, aos que podedes acceder en liña a través da nosa páxina web.
No hay comentarios:
Publicar un comentario