Con esta nova publicación no blog
queremos lembrarvos que desde fóra dos espazos universitarios é posible
consultar os recursos electrónicos (bases de datos, plataformas de libros e coleccións
de revistas) contratados pola biblioteca. Soamente tedes que autenticarvos como
membros da comunidade universitaria desde esta páxina,
identificándovos coas vosas credenciais persoais da UDC (usuario e
contrasinal). Polo tanto este acceso só é válido para os membros da universidade:
estudantado, persoal docente e investigador (PDI) e persoal de administración e
servizos (PAS). Podedes consultar o proceso nesta guía
ou neste vídeo.
Tamén é de interese estoutro vídeo no que se explica
como consultar os recursos electrónicos no catálogo da biblioteca. Aínda que a
consulta do catálogo é libre desde calquera ubicación, se accededes desde fóra
da UDC é preferible que primeiro vos autentiquedes na ligazón indicada
anteriormente para poder acceder ao contido dos recursos.
Ademais deste acceso, algúns
recursos electrónicos teñen un acceso institucional a través de RedIris, que
permite acceder desde fóra da UDC directamente desde a páxina do recurso (é
dicir, non é necesario entrar na páxina da biblioteca previamente), premendo
nunha ligazón co nome de "Acceso institucional" ou "Acceso
Shibboleth" e seleccionando a institución á que pertence a persoa usuaria,
neste caso a Universidade da Coruña. Unha vez seleccionada, solicitarase a
autenticación co nome de usuario e contrasinal da UDC. Nesta Infoguía podedes
consultar a listaxe de bases de datos, revistas e libros electrónicos con
acceso institucional. Para cada un destes recursos, tedes na nosa web unha guía
do procedemento para realizar este acceso.
O xestor bibliográfico RefWorks tamén permite a autenticación
remota dos usuarios/as no seu propio portal a través de Shibboleth. Nesta Guía
de autenticación federada en RefWorks podedes consultar o proceso. Así
mesmo, os usuarios/as que estean dados de alta no servizo de préstamo interbibliotecario
tamén poden empregar o acceso institucional para entrar no seu rexistro. Dentro
da páxina web so
é necesario seleccionar a opción "Validarse con SIR" e introducir as
credenciais da universidade.
Rematamos esta publicación lembrándovos que se necesitades axuda á hora de realizar buscas ou consultas nalgún recurso electrónico, dentro das páxinas de información das diferentes bases de datos e portais dos editores de revistas e libros electrónicos, proporciónanse guías e titoriais de uso de cada unha das plataformas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario