viernes, 6 de noviembre de 2020

Repositorios de datos de investigación. A Comunidade UDC en Zenodo.


Nos últimos anos está a haber un interese crecente por publicar os datos de investigación en aberto, en parte para cumprir cos mandatos das axencias financiadoras, pero tamén co fin de favorecer a visibilidade e o impacto da investigación.

Unha cuestión que pode xurdir por parte do persoal investigador da UDC é onde depositar ou publicar os seus datos de investigación. Mediante esta publicación pretendemos amosarvos as opcións dispoñibles, con especial énfase na comunidade UDC en Zenodo creada este ano polo Servizo de Biblioteca. Deste xeito, aos/ás investigadores/as da UDC que queiran poñer os seus datos de investigación de forma aberta ou necesiten cumprir con requirimentos de editores, institucións ou mandatos de financiadores, como o Horizonte 2020, recoméndaselles que depositen os datos de investigación neste repositorio multidisciplinar.

O depósito en Zenodo ofrece vantaxes importantes para os/as investigadores/as, como obter  un DOI para o dataset ou unha gran capacidade de almacenamento. Ao mesmo tempo ofrécese un punto único de consulta dos datos de investigación da nosa universidade. Ademais de na propia comunidade da UDC, e de forma complementaria, tamén é posible depositar noutra comunidade do seu interese ou nun repositorio temático para incrementar a visibilidade.

Una ferramenta interesante para localizar repositorios temáticos de datos de investigación é re3data, que conta cun amplo abanico de materias. Outra fonte de consulta é Fairsharing, buscador de estándares, repositorios de datos e políticas de acceso aberto en tódalas disciplinas. A través doutra ferramenta, Repository Finder, pódense atopar repositorios que albergan datos que cumpren coas directrices FAIR.

Tamén existe a posibilidade de depositar os datos nun repositorio multidisciplinar como Dryad, Dataverse, Figshare ou Mendeley Data.

Outra opción para publicar os datos son as revistas de datos. Pode haber revistas onde só se publican datos e outras que presentan, conxuntamente, artigos e datos. Nestas últimas habitualmente non se recollen os datos completos, senón que se recomenda onde se deben depositar e se enlaza ao repositorio desde o artigo. O Finnish Committee for Research Data ofrece un directorio con este tipo de revistas.

Finalmente, se queredes ampliar a información recomendámosvos a consulta da Infoguía Datos de investigación do Servizo de Biblioteca, así como esta sección da nosa páxina web dedicada a eles. 

No hay comentarios: