Para que un traballo académico
sexa rigoroso é fundamental documentalo mediante a literatura científica
existente. Moitas veces o estudantado non é consciente da necesidade de citar
as fontes utilizadas e polo tanto descoñece que está a cometer plaxio. Entre as
malas prácticas habituais destacan copiar palabras doutro autor sen utilizar
comiñas nin citar a fonte, parafrasear un texto sen citar a autoría ou incorporar
imaxes e gráficos sen acreditar a súa orixe. Nesta infografía elaborada pola Biblioteca de la Universidad de Cantabria
proporciónanse dez consellos para evitar o plaxio.
No Servizo de Biblioteca da UDC consideramos
que facer un uso ético da información e respectar os dereitos de autor é
fundamental na aprendizaxe do alumnado, polo que ofrecemos unha serie de
recursos para axudar nesta tarefa.
O máis destacado é unha completa
guía sobre como citar documentos. Sempre
que se utiliza información allea (datos, libros, artigos de revistas, gráficos,
etc.) débese facer referencia á fonte orixinal mediante a cita e a referencia
bibliográfica. Na guía Citas e referencias
bibliográficas atoparedes os estilos de cita máis habituais en función do
ámbito temático, como o estilo APA ou MLA, entre outros. Ademais, recentemente
vimos de engadir unha nova sección sobre como citar documentos electrónicos.
Tamén podedes utilizar
ferramentas de apoio para elaborar a bibliografía, como os xestores bibliográficos, que permiten recompilar nun único espazo
tódalas fontes de información que utilizades nos vosos traballos e xerar
bibliografías automaticamente. A biblioteca está subscrita ao xestor de referencias
bibliográficas RefWorks.
Outro aspecto a destacar é a
posibilidade que tedes de empregar contidos
con licenza Creative Commons para o material multimedia que utilicedes nos
vosos traballos (imaxes, vídeos…). Hai seis
tipos de licenzas, e a que vos dará máis liberdade nos vosos proxectos é CC BY, porque permitiravos
reproducir, distribuír, transformar e difundir publicamente a obra para
calquera finalidade, aínda que segue sendo necesario recoñecer a autoría
orixinal. Hai moitos portais que ofrecen contidos baixo licenzas Creative
Commons ou de dominio público, como por exemplo Flickr Creative Commons, Pixabay, CC Search, etc. Atoparedes máis
plataformas na sección Multimedia
na web da biblioteca.
Finalmente, tamén é necesario
informarvos de que a Universidade da Coruña conta cun reglamento de sancións
que inclúe o suspenso na materia e incluso responsabilidades disciplinarias no
caso de plaxio. Así, o texto consolidado das Normas
de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos Estudos de Grao e
Mestrado Universitario recolle que “na
realización de traballos, o plaxio e a utilización de material non orixinal,
incluído aquel obtido a través da internet, sen indicación expresa da súa
procedencia e, se é o caso, o permiso do seu autor/a, poderá ser considerada
causa de cualificación de suspenso na actividade. Todo iso sen prexuízo das
responsabilidades disciplinarias ás que puidese haber lugar tras o
correspondente procedemento.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario