viernes, 5 de abril de 2024

O Portal de Investigación da UDC



O pasado mes de febreiro púxose en marca o Portal de Investigación da Universidade da Coruña, que recolle a produción científica da institución co obxectivo de darlle visibilidade e transparencia  e dotala de ferramentas para a súa análise. Xestionado pola Biblioteca Universitaria, o portal nace do traballo conxunto do Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicacións e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología. 

Permite o acceso á produción científica da UDC no seu conxunto, dun grupo de investigación, unha facultade, unha área concreta ou dun investigador en particular. Permite, ademais, extraer indicadores de impacto tanto da dita produción coma do seu medio de difusión. 

O contido do Portal estrutúrase do seguinte xeito: 

- Grupos de investigación: esta sección reúne a información e indicadores sobre a produción científica dos distintos grupos de investigación da UDC, agrupados por centros e departamentos. Poderás acceder a:
  • Información de cada grupo de investigación (data de constitución, responsable, membros...)
  • Liñas de investigación
  • Publicacións do grupo, agrupadas por tipoloxía e ano, e indicadores das mesmas. 
  • Colaboracións: nome dos colaboradores máis frecuentes, institucións ás que pertencen e número de publicacións froito desa colaboración. 
  • Teses dirixidas por membros do grupo.
  • Indicadores do grupo (citas, revistas nas que publica, publicacións de impacto...)
  • Buscador de grupos de investigación. 
- Investigadores: esta sección reúne información sobre os investigadores da universidade, a súa produción e indicadores, agrupándoos polas áreas de coñecemento, centros, departamentos, institutos e centros de investigación aos que pertencen. Nela atoparás: 
  • Perfil do investigador (departamento, centro, grupo de investigación, área, e-mail...)
  • As súas publicacións, agrupadas por tipoloxía e ano, así como indicadores de cada unha delas. 
  • Colaboradores do investigador, institucións ás que pertencen e número de publicacións froito desta. 
  • Teses de doutoramento defendidas e dirixidas polo investigador. 
  • Indicadores: citas, revistas nas que publicou, publicacións de impacto...
  • Buscador de investigadores polo seu nome e, en versión beta, buscador de especialistas dun determinado tema.
- Resultados: sección que reúne información e indicadores sobre a produción científica da UDC no seu conxunto: 
  • Publicacións: agrupadas por tipoloxía e ano.
  • Acceso aberto: número e distribución anual da produción científica dispoñible en aberto, distinguindo entre publicacións (artigos, capítulos, libros...) e teses. 
  • Teses: información sobre as teses defendidas, agrupadas por departamento e ano, e teses dirixidas. 
  • Colaboración: centros ou institucións cos que colaboran os investigadores da UDC e publicacións derivadas desta. 
  • Patentes nas que participa a universidade e patentes nas que participan investigadores do portal. 
  • Indicadores globais da UDC. 
Para coñecer o impacto desta produción o Portal ofrece indicadores, tanto a nivel das achegas como dos medios de difusión das mesmas: 
  • Journal Citation Reports (JCR)
  • SCImago Journal Rank (SJR)
  • Clasificación Integrada de Revistas Científicas (CIRC)
  • Indice Dialnet de Revistas (IDR)
  • Citas recibidas (en Google Scholar, Dialnet Métricas, Scopus, WoS)
  • CiteScore
A información extráese das bases de datos Web of Science, Scopus e Dialnet e actualízase de xeito frecuente: en Dialnet cada 24/48 horas e, no caso de Scopus e WoS, semanal ou quincenalmente. 
O acceso ao portal é público, aínda que recomendamos indentificarse coas credenciais institucionais para acceder a todas as funcionalidades que ofrece. Isto é especialmente importante no caso dos investigadores, xa que o rexistro permitiralles, entre outras cousas, editar o seu perfil, solicitar a inclusión ou modificación da súa produción científica, descargar o seu Currículum Vitae Normalizado (CVN) ou un informe cos indicadores bibliométricos normalizados das súas achegas.
 
Para unha información máis detallada podedes consultar a seguinte Infoguía sobre o Portal.

No hay comentarios: