Esta semana Crue Universidades
Españolas presentaba a “Guía de buenas prácticas para la transición,
el acceso y la acogida del alumnado con necesidad específica de apoyo educativo
en los estudios universitarios”, que ten como obxectivo facilitar o
acceso á universidade a estudantado con discapacidade e con necesidade
específica de apoio que provén da Educación Secundaria Postobligatoria.
Con motivo desta presentación,
imos repasar nesta publicación os servizos e programas que se ofrecen dende a
Universidade da Coruña para atender os membros da comunidade universitaria con
discapacidade ou outras necesidades específicas.
O servizo encargado de facilitar
a plena integración do alumnado, profesorado e PAS que, por razóns físicas,
sensoriais, psíquicas ou socioculturais, experimentan dificultades ou barreiras
externas a un acceso axeitado, igualitario e proveitoso á vida universitaria é
a Unidade Universitaria de Atención
á Diversidade (ADI). No caso do alumnado, entre os servizos de apoio que se
ofrecen destacan:
- diversas bolsas
e axudas económicas
- un titor/a
de atención á diversidade
- préstamo de
dispositivos adaptados e software accesible
- transporte
adaptado, ofertado ao alumnado con dificultades para desprazarse
- intérprete
de lingua de signos ao alumnado que o precise
O alumnado que desexe solicitar algunha
destas adaptacións atopará máis información e como facelo nesta páxina.
Por outra banda, como proxecto
pioneiro dentro do Sistema Universitario Galego, e dos primeiros a nivel
nacional, salientamos o programa da Universidade da Coruña Espazo Compartido,
programa de formación de dous anos de duración para mellorar as habilidades
persoais, sociais e as competencias básicas de mozos/as con discapacidade e que
ten como finalidade fomentar a súa empregabilidade e inclusión no mercado
laboral. Os principais requisitos
para cursar os estudos son ter entre 18 e 30 anos e estar en posesión dun
certificado de discapacidade cognitiva. Cada ano o alumnado realiza diversas prácticas:
o primeiro realízanse en servizos da
universidade, como conserxería, decanato, administración ou o noso
servizo, as bibliotecas; o segundo xa se fan en empresas.
Así, neste programa colaboran
varias bibliotecas da nosa universidade para axudalos na medida do posible no
desenvolvemento da súa autonomía. Os participantes colaboran en tarefas
bibliotecarias básicas e dispares tales como a colocación do material
bibliotecario, a montaxe de exposicións, actualización da prensa, etc.
Para concluír, pódese dicir que aínda
que nas últimas décadas avanzouse moito en normas e políticas públicas de
inclusión, hai que seguir facendo fincapé en visibilizar e sensibilizar tanto á
comunidade universitaria como á poboación en xeral sobre a importancia da
inclusión. Neste sentido, a ADI organiza dende hai cinco anos as Xornadas sobre diversidade na universidade,
que nas últimas edicións estiveron dedicadas ós espazos inclusivos, á
diversidade funcional cognitiva ou ás enfermidades raras.
Como non podía ser doutro xeito, a discapacidade tamén está presente na Axenda 2030 para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Cinco dos dezasete obxectivos mencionan directamente ás persoas con discapacidade, aínda que tamén se fai referencia ás mesmas en numerosas ocasións a través de expresións como “para todos”, “persoas en situación de vulnerabilidade” ou “acceso universal”, sumado a que a Axenda 2030 ten como principios fundamentais “non deixar a ninguén atrás e garantir os dereitos humanos para todos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario