O compromiso da Universidade da
Coruña (UDC) coa loita pola consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres
e homes no ámbito universitario vense amosando dende a posta en funcionamento
da Oficina para a
Igualdade de Xénero (OIX) en 2007. Este compromiso afianzouse coa posta en
marcha do I
Plan de Igualdade da UDC, que abrangueu os anos 2013-2017, e no que se
concluíu que aínda seguían existindo desigualdades importantes nos colectivos
que conforman a comunidade universitaria da UDC (alumnado, PDI e PAS). Por
exemplo, concluíuse que continúa o estereotipo de elección da carreira
profesional do estudantado que desemboca na elección da Ciencia e Tecnoloxía
nos homes mentres que as áreas de coñecemento das Humanidades e Ciencias Sociais
seguen a ser a elección predominante de mulleres.
Actualmente a UDC xa está inmersa
no II
Plan de Igualdade 2019-2022, que recolle 57 medidas de actuación destinadas
a conseguir a integración do principio de igualdade en tódolos eidos da UDC.
Algunhas destas medidas son de continuidade, é dicir, xa foron iniciadas no
primeiro plan e demostraron a súa eficacia, ou ben non puideron ser
completamente desenvolvidas e deben selo neste. Outras medidas son de avance e
afondamento, xa que supoñen unha nova liña de traballo respecto ao plan
anterior.
No que atinxe ás bibliotecas,
este documento contén certas medidas que incumben directamente ás mesmas
consistentes, por unha banda, en potenciar a adquisición de fondos sobre
temáticas de xénero e, por outra, en darlle maior visibilidade aos traballos
académicos e científicos que aborden temáticas de xénero ou que empreguen metodoloxías
de investigación que inclúan a perspectiva de xénero.
Ademais, recentemente o Servizo
de Biblioteca vén de realizar esta guía sobre feminismo, xénero e
igualdade, que pretende contribuír á difusión de recursos sobre feminismo,
xénero e igualdade, tanto de carácter xeral (sitios web, revistas, asociacións,
etc.) como todo o que se pode aportar dende a UDC e o propio Servizo de Biblioteca
sobre estas temáticas.
Outra nova de interese é que este
mes a UDC adherirase ao “Manifesto Bibliotecas
en Igualdade”, promovido pola Asociación Clásicas y Modernas para o fomento
e impulso da igualdade de xénero. Por medio desta adhesión, a UDC
comprometerase a revisar os fondos bibliográficos para emendar as ausencias de
obras escritas por mulleres, fomentar a investigación sobre temáticas
relacionadas coa igualdade de xénero, ou impulsar a cooperación entre
bibliotecas para a optimización dunha nova perspectiva que acabe coa brecha de
xénero, entre outros.
Ademais do II Plan de Igualdade, a
UDC dispón doutras ferramentas fundamentais para a transformación no ámbito da
igualdade de xénero: o Protocolo
de actuación ante situacións de acoso sexual por razón de sexo, por orientación
sexual e identidade ou expresión de xénero na UDC e o Código
de conduta para a igualdade de xénero.
No que respecta aos centros ou
redes sobre igualdade, a UDC conta con:
- a anteriormente citada OIX, cuxo fin é lograr unha
actividade docente e discente, investigadora e laboral máis igualitaria, e que
impida calquera manifestación de discriminación por razón de xénero que poida
aparecer tanto na UDC como no seu contorno social e cultural.
- o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF),
espazo de investigación de carácter aberto e multidisciplinar, no que teñen
cabida todas aquelas persoas que desenvolven liñas investigadoras en materia de
xénero e/ou feminismo.
- a Rede para a docencia e investigación con perspectiva de xénero (REDIX), constituída por profesorado e persoal investigador de distintos ámbitos da UDC que perseguen avanzar na calidade e innovación do ensino e a investigación, apostando pola incorporación efectiva do principio de igualdade entre mulleres e homes.
Para finalizar, queremos difundir que os vindeiros días 10 e 11 de xuño celebrarase de maneira virtual a VII Xornada Universitaria Galega en Xénero, organizada polas oficinas de igualdade de xénero das tres universidades galegas. Esta edición centrarase en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, social e económica nos ámbitos da violencia de xénero e da traxectoria investigadora das mulleres, así como a importancia da aposta por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario