Desde a Universidade da Coruña (UDC) trabállase en diversas accións que nos
permiten ser máis respectuosos co medio ambiente como compromiso para avanzar
cara a un desenvolvemento sostible.
O centro encargado da coordinación, participación e realización de
actuacións ambientais levadas a cabo pola UDC é a Oficina de Medio Ambiente (OMA). As súas funcións sitúanse en dous campos
fundamentais: por unha banda, a xestión ambiental e, por outra banda, a
implicación e concienciación da comunidade universitaria nas cuestións
relacionadas co medio ambiente e a sustentabilidade. Entre as principais
actuacións da OMA destacan:
- Dentro do compromiso por avanzar cara a un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente, realiza a medición da pegada ecolóxica na UDC. Ademais, xunto ao servizo Emapic do Cartolab, desenvolveu ferramentas en liña para o cálculo da pegada ecolóxica individual de calquera persoa, permitindo calcular a pegada da xeración de residuos, do uso da enerxía no fogar ou da mobilidade.
- Xestión
das hortas urbanas da
UDC, que buscan avanzar na xestión ambiental sustentable do campus e contribuír
á concienciación ambiental da comunidade universitaria e da sociedade en xeral.
- Proxecto
de Custodia do Monte da Fraga, espazo forestal restaurado pola UDC, eliminando a maior parte dos
eucaliptos e reforestándoo con especies autóctonas representativas do bosque
galego.
- Campañas
de sensibilización sobre a separación e xestión dos residuos na UDC.
- Campañas
de aforro de auga e enerxía.
- Programa
de préstamo de bicicletas, co obxectivo de promover o emprego da bicicleta como vehículo para a
mobilidade sustentable, facilitando o acceso a unha bicicleta a aquelas persoas
interesadas en facer uso da mesma para desprazarse aos centros universitarios.
Tamén hai que destacar a incorporación de varios centros da UDC ao programa
internacional Green Campus para a preservación do medio ambiente desde a
universidade, impulsado pola Foundation for Environmental Education, e
xestionado en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor
(ADEAC). O obxectivo final é a consecución da Bandeira Verde, que simboliza o
cumprimento dunha serie de criterios de sustentabilidade. A UDC sumouse a este
programa no ano 2014 e desde entón continúa a sumar centros de participación.
Grazas a este compromiso, a UDC sitúase na posición número 5 a nivel de
España e na 65 a nivel internacional segundo o ranking GreenMetric, que proporciona unha clasificación
atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio
climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…)
nas universidades de todo o mundo.
Outro feito de interese é que en 2018 a UDC implantou entre os seus campus
de especialización o Campus Sustentabilidade, vinculado co medio ambiente e que impulsa a
excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables que
protexan os recursos naturais, freen o cambio climático e promovan o benestar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario