viernes, 21 de mayo de 2021

Metodoloxía aberta no fluxo de traballo do persoal investigador

A Ciencia Aberta é un movemento que fomenta que as investigacións científicas, metodoloxías e datos obtidos a partir delas poidan ser distribuídas, reutilizadas e accesibles por todos de forma gratuíta e libre. Os seus principios inclúen desde o Acceso Aberto ata Recursos Educativos Abertos, Revisión por Pares Aberta, Metodoloxía Aberta ou Datos Abertos, entre outros.

Nesta publicación centrarémonos en explicar como o persoal investigador pode facer que o seu fluxo de traballo sexa máis aberto, é dicir, na metodoloxía aberta, que fai referencia á apertura dos métodos empregados polos investigadores/as para acadar os resultados científicos de forma que poidan estar dispoñibles publicamente.

A seguinte imaxe recompila as diferentes etapas do fluxo de traballo coas principais accións que poden realizarse en cada unha delas. A continuación, ademais de explicar brevemente cada unha destas etapas da investigación, recoméndase algún recurso ou ferramenta de utilidade para as mesmas.

  • Prepararnesta fase inicial defínese o deseño da investigación, obxectivos do estudo, cronoloxía e metodoloxía que se vai utilizar, así como a organización do equipo ou as colaboracións. Nela poden ser de utilidade ferramentas como Microsoft Planner, que axuda a organizar o traballo en equipo, cunha administración das tarefas moi intuitiva e visual, ou Trello, para xestionar proxectos e organizar tarefas de xeito colaborativo.

  • Descubrir: comprende todo o traballo experimental que persegue a obtención de datos de acordo cos obxectivos establecidos: busca e recollida de información, alertas e recomendacións, anotacións, etc. Para isto último recoméndase Annotation Studio, aplicación web en aberto que permite facer anotacións de documentos electrónicos. Para descubrir información, repositorios como Zenodo ou plataformas como OSF (Open Science Foundation).

  • Analizar: realízase o estudo dos resultados obtidos mediante a extracción de datos, compartir cadernos e fluxos de traballo… Ferramentas como MyExperiment ou Orange serían adecuadas para esta etapa. A primeira é un entorno colaborativo no que os científicos poden publicar os seus fluxos de traballo, compartilos e atopar os de outros. A segunda ofrece aplicacións de gran utilidade para a análise de datos e de texto.
  • Escribir: nesta fase poden ser de utilidade ferramentas como Authorea, sitio web para a edición colaborativa de artigos científicos, ou Overleaf, servizo de LateX colaborativo.
  • Publicar: abrangue dende a selección da revista á que enviar o artigo ata o propio feito de publicar. Para a primeira opción pódese sinalar SciRev como plataforma que axuda a elixir as revistas de cara á publicación grazas ás experiencias doutros/as investigadores/as. Para publicar, a plataforma F1000Research ofrece unha rápida publicación de artigos e outros resultados de investigación con revisión por pares e apoio editorial.
  • Divulgar: nesta fase comunícanse os resultados da investigación para que poida difundirse ao resto da comunidade científica, ben a través da súa publicación en repositorios (entre o que salientamos o da Universidade da Coruña, o RUC), a través de redes e comunidades científicas ou en redes sociais como Twitter.
  • Avaliar: consiste en determinar o impacto dos resultados da investigación a través das diversas métricas alternativas.

Para coñecer máis ferramentas e recursos de cada unha das etapas, recoméndase consultar a páxina Apoio á investigación aberta da web do Servizo de Biblioteca.

No hay comentarios: