Este ano o Día das Letras Galegas
está dedicado á escritora, tradutora, editora e docente Xela Arias (1962-2003).
O seu pai, Valentín Arias, foi xerente da editorial Galaxia e presidente da
Asociación de Tradutores Galegos, o que sen dúbida lle influíu. En 1980
incorporouse ao equipo de Edicións Xerais, traballando como correctora de
estilo e editora. Posteriormente realizou os estudos de Filoloxía Hispánica para
converterse en profesora de ensino secundario.
Como poeta, publicou Denuncia do equilibrio (finalista do
Premio Losada Diéguez), Tigres como
cabalos, Darío a diario (unha
reflexión poética dedicada ao seu fillo) e Intempériome
(o seu último poemario, editado o mesmo ano da súa morte).
Como tradutora, Xela Arias traduciu
ao galego coñecidas obras como El bosque
animado, de Fernández Flórez; Dublineses,
de James Joyce; ou El último mohicano,
de Fenimore Cooper, entre outros, todos eles editados por Xerais.
A súa obra contribuíu á
renovación da poesía galega, co tratamento de novos temas e un estilo moi
persoal e cualificado de vangardista, sendo precursora do boom literario feminino que se deu na poesía galega nos anos 90.
Entre as numerosas actividades conmemorativas organizadas con motivo deste día destacan as seguintes:
- O acto central do Día das Letras Galegas celebrará a figura e a obra de Xela Arias dende Vigo, escenario fundamental da vida da homenaxeada, e poderá seguirse en directo dende a web da Real Academia Galega (RAG). Neste Pleno extraordinario da RAG intervirán os/as académicos/as Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas.
- Exposición itinerante “Xela Arias. Asinamos ser libres”, que percorrerá once concellos galegos ata final de ano para dar a coñecer ao público a obra e a figura da escritora.
- “Desordénate coas letras”, programación organizada pola Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña e polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña que inclúe un Escape Room Virtual, recitais ou unha mostra bibliográfica, entre outros.
Ademais destas actividades
concretas, a Xunta, a RAG e o Consello da Cultura, en colaboración coa CRTVG e múltiples
entidades e empresas, deseñaron un conxunto de propostas no ámbito literario,
expositivo, deportivo, musical ou escénico descentralizadas por toda a
Comunidade. O programa completo pódese consultar nesta ligazón.
No que respecta á Universidade da
Coruña, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía
organizou diversos actos
nestas primeiras semanas de maio: unha mesa redonda, unha maratona de
lecturas de textos de Xela Arias e un concerto d'A banda da Loba.
Ademais, a Biblioteca de Filoloxía acolle actualmente unha exposición dedicada aos homenaxeados nos Días das Letras Galegas nos anos 2020 (Ricardo Carvalho Calero) e 2021 (Xela Arias). No seu Pinterest se pode consultar a selección de obras expostas sobre esta última.
Outras ligazóns de interese:
- Blog da Biblioteca da USC adicado á figura e obra de Xela Arias
- Real Academia Galega-Letras Galegas 2021, con información biográfica, vídeos, entrevistas ou ligazóns de interese sobre a homenaxeada.
- Primavera das Letras: proxecto da RAG para achegar ao público infantil a figura de Xela Arias a través de recursos lúdicos e didácticos.
- Letras Galegas 2021 no Portal das Palabras, con xogos e outros recursos lexicográficos arredor do universo literario da autora.
- Consello da Cultura Galega-Xela Arias: apartado da web do Consello con toda a información xenerada pola institución acerca da autora: audios con entrevistas, fotografías, etc.
Por último, deixámosvos esta ligazón do noso catálogo coas obras que temos de Xela Arias na Biblioteca da UDC.
No hay comentarios:
Publicar un comentario