lunes, 13 de julio de 2015

ESTRATEXIAS PARA INCREMENTAR A VISIBILIDADE E O IMPACTO DOS RESULTADOS DA INVESTIGACIÓN


A "Alianza 4 Universidades (Carlos III de Madrid, Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona e Pompeu Fabra)” ven de lanzar a cuarta edición do Observatorio IUNE para o seguimento da actividade investigadora das universidades españolas. A páxina do Observatorio ofrece indicadores da actividade científica, con indicadores sobre profesorado, recoñecemento, actividade científica, innovación, competitividade e capacidade formativa.

O artigo da revista de divulgación científica galega online GCiencia, "A produción científica das tres universidades galegas duplicouse nunha década", fai un resumo das conclusións que se poden extraer do informe IUNE 2015; aparte da que se enuncia no seu título, indica que a producción anual da UDC  pasou de 252 en 2004 a 631 artigos en 2013, que a súa produción total da decada 2004-2013 foi de 4.094 traballos científicos e que, no mesmo período, a produtividade por profesor no SUG aumentou de 0,42 a 0,77.

O desenvolvemento deste tipo de informes e o aumento do peso dos indicadores bibliométricos á hora da avaliación científica, visible por exemplo nos novos criterios aprobados para cada uno dos campos específicos nos sexenios, moito máis concretos que antes, poñen de relevo a importancia das métricas de impacto. Igualmente importantes para o correcto funcionamento destes indicadores son a utilización polos investigadores de identificadores únicos como ORCID, a súa sincronización cos seus perfís en ResearcherID, Scopus Author ID e Google Scholar Citation, e o cumprimento das directrices de filiación institucional. Neste senso, convén mencionar o artigo da Voz de Galicia de maio de 2014: "Problemas de toponimia ["un problema importante de visibilidade", segundo o vicerrector de Investigación] fan que a UDC caia nos ránkings". Eses problemas xa foron en boa parte solucionados coa adopción dos nomes normalizados "Universidade da Coruña" e "University of A Coruna" , e o seu uso pola Web of Science e Scopus.

De aí que o Servizo de Biblioteca Universitaria e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIEprogramase o curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación", dirixido ao PDI da UDC, cos obxectivos xerais de:
  • Motivar ao profesorado da UDC a ter unha presenza profesional activa na rede que reflicta de forma precisa as súas actividades e investigacións.
  • Promover o uso de boas prácticas á hora de crear unha identidade inequívoca como autor e investigador
  • Informar aos investigadores dos recursos específicos para a creación de perfís identificativos que faciliten a súa visibilidade nas bases de datos e na rede. 
  • Traballar de forma práctica na creación de perfís e estratexias de visibilidade nos obradoiros
Os seus contidos agrúpanse en 3 unidades didácticas:
  1. A identificación de autor: nome e filiación
  2. A publicación e o acceso aberto. O repositorio institucional da UDC (RUC)
  3. Plataformas sociais e redes científicas

Por último, neste eido paga a pena mencionar o recente informe "The Metric Tide", o máis completo estudo sobre o papel das métricas na avaliación e xestión da investigación, encargado polo Higher Education Funding Council for England (HEFCE) a unha comisión independente, co obxectivo de analizar  o papel dos indicadores cualitativos en xeral, e de cara o próximo ciclo do Research Excellence Framework (REF) en particular.

No hay comentarios: