viernes, 12 de febrero de 2021

Plano de Formación en Competencias Dixitais da Biblioteca Universitaria: cursos dirixidos ao alumnado de doutoramento e ao PDI da UDC


Dende hai anos, a Biblioteca da UDC, a través do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), presenta un Plano de Formación en Competencias Dixitais que ten como obxectivo que os participantes adquiran as habilidades para acceder, xestionar, avaliar, crear, publicar e difundir información científica de forma ética e legal.

Está formado por dous cursos de modalidade semipresencial que se realizan anualmente (parte virtual na plataforma Campus Virtual UDC e obradoiros presenciais nas bibliotecas dos centros ou a través de Teams pola situación actual da pandemia):

Como este segundo curso terá lugar proximamente, proporcionamos a continuación un esquema xeral dos contidos que se tratarán no mesmo, así como os principais obxectivos que se perseguen. Os seus contidos agrúpanse en catro unidades didácticas:

  • A identificación de autor: nome e filiación
  • A publicación científica
  • A publicación e o acceso aberto. O repositorio institucional da UDC (RUC)
  • Plataformas sociais e redes científicas

Cos obxectivos xerais de:

  • Motivar ao profesorado da UDC a ter unha presenza profesional activa na rede que reflicta de forma precisa as súas actividades e investigacións
  • Promover o uso de boas prácticas á hora de crear unha identidade inequívoca como autor e investigador
  • Informar aos investigadores dos recursos específicos para a creación de perfís identificativos que faciliten a súa visibilidade nas bases de datos e na rede
  • Traballar de forma práctica na creación de perfís e estratexias de visibilidade nos obradoiros

O curso garda relación coa liña 1.7 do obxectivo estratéxico 1 do Plan Estratéxico UDC2020, unha produción científica de calidade (Investigación, Innovación e Transferencia): “Aumentar a visibilidade e mellorar os indicadores da actividade real de investigación e transferencia”.

Para finalizar esta publicación, queremos sinalar que ademais do Plano de Formación en Competencias Dixitais da Biblioteca Universitaria, o CUFIE oferta moitos outros cursos formativos a través do Plano de Apoio á Aprendizaxe (dirixidos a alumnado de grao e mestrado), o Plano de Apoio ao Ensino (para PDI), o Plano de Formación Inicial (para o profesorado novel) ou o Plano de Apoio ao Doutoramento e á Investigación (para alumnado de doutoramento).                                                       

No hay comentarios: