Actualmente atopámonos nun
panorama académico moi competitivo, onde o persoal investigador necesita
publicar os seus traballos, xa que por unha banda os programas de acreditación
avalían as súas publicacións, e por outra banda, necesitan xustificar ante a
Administración ou axencias financiadoras os seus avances. Esta necesidade e
“presión” por publicar orixinou, entre outras cuestións, que o número de
artigos creza a ritmos nunca coñecidos (Prieto Gutiérrez, 2019).
Este panorama favoreceu o
xurdimento de falsas revistas científicas ou revistas depredadoras, termo acuñado polo bibliotecario Jeffrey
Beall para definir ás publicacións que se caracterizan por publicar artigos sen
ser sometidos a un proceso de revisión e avaliación real e cobrando aos autores
por iso.
É importante que o persoal investigador coñeza as características e estratexias que seguen este tipo de revistas para evitar caer nelas. As particularidades máis salientables que presentan son:
- Adoitan utilizar títulos parecidos aos de revistas prestixiosas, incluíndo termos como International Journal of…, Global Journal…, Annals of the World Association of…, etc.
- Tempos de publicación moi curtos.
- Captan aos autores mediante frases atractivas, xeralmente a través de correo electrónico.
- Dubidoso proceso editorial e sen revisión por pares.
- Adoitan cobrar por publicar. Non se debe esquecer que o principal obxectivo é obter un beneficio económico. Os custos adoitan ser baixos e accesibles en comparación cos prezos elevados que manexan algunhas revistas.
- Os seus ámbitos temáticos son moi amplos, cubrindo practicamente todos os campos científicos.
- Fan referencia a supostos índices ou factores de impacto que non son reais.
Nesta pequena guía da Biblioteca de la Universidad de Sevilla
podedes consultar máis características, así como unha serie de factores para
identificalas.
Por mor de todo isto, xurdiron listaxes
que recompilan títulos de revistas depredadoras, e polo tanto, axudan a
detectalas. A máis coñecida é a List of predatory journals, que
continuou o traballo realizado por Jeffrey Beall tras pechar a súa coñecida
lista en 2017.
Con todo, a consulta de listaxes
de revistas depredadoras non debe de ser a única opción a seguir cando o
persoal investigador enfróntase á dúbida sobre a fiabilidade dunha revista.
Tamén é importante verificar as revistas en repertorios e bases de datos
internacionais (Scopus, Web
of Science, Dialnet, Latindex, DOAJ) e nacionais (Dulcinea ou MIAR).
Ademais existe un sitio web, Think. Check. Submit, que mediante
unha sinxela proba (test), axuda ao persoal investigador a identificar revistas
e editores confiables para publicar as súas investigacións.
Rematamos esta publicación difundindo un seminario en liña e gratuíto sobre este tipo de revistas que pode ser do voso interese. Está organizado pola UNIR-La Universidad en Internet e terá lugar o vindeiro 9 de marzo. Contará coa participación dun dos principais expertos a escala mundial, Jeffrey Beall, autor da coñecida lista de revistas depredadoras. Require inscrición xa que o número de prazas é limitado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario