viernes, 26 de febrero de 2021

Centenario de Emilia Pardo Bazán


Este ano conmemórase o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, considerada unha das mellores novelistas españolas do século XIX. Como se indica na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, ademais de novelas e contos, escribiu libros de viaxes, obras dramáticas, composicións poéticas e numerosas colaboracións xornalísticas. Coa súa obra e coa súa vida puxo de manifesto a capacidade da muller para ocupar na sociedade os mesmos postos que o home, sendo precursora das ideas feministas e dos dereitos da muller actuais.

Co gallo deste centenario, na Coruña, a súa cidade natal, celebraranse diversas actividades ao longo de todo o ano, aínda que estas intensificaranse en maio e en setembro, meses do seu falecemento e nacemento respectivamente. Sinalamos a continuación as máis destacadas, aínda que podedes consultar nesta ligazón tódolos actos presentados esta semana polo Concello.

En marzo inícianse as Conversas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, nas que participarán, ao longo do ano e unha vez ao mes, mulleres procedentes de diversos ámbitos, como Marilar Aleixandre, Susana Seivane, María Xosé Porteiro, etc.

Os espectáculos teatrais tamén están presentes: Amparo, ó outro lado, sobre a figura protagonista da novela La Tribuna, unha das máis eloxiadas de Pardo Bazán e tamén a que garda unha maior vinculación coa Coruña, celebrarase en abril no Teatro Colón. En setembro o Teatro Rosalía acollerá unha representación de La Tribuna e outra de Los Pazos de Ulloa. Finalmente en outubro, Mi Miquiño del Alma terá lugar no Teatro Colón.

Outro acto destacado son os dous congresos internacionais que se celebrarán en setembro: Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, organizado pola Real Academia Galega, e Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado por investigadores das universidades galegas e da RAG e que se realizará na Universidade da Coruña. Nese mesmo mes abriranse ao público dúas exposicións ao redor da escritora, unha no Kiosko Alfonso e outra en María Pita. A exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad  chegará á Coruña despois de pasar pola Biblioteca Nacional de España.

Outras actividades que conforman a programación son concursos, roteiros guiados sobre a vida e a obra da escritora, xornadas gastronómicas, así como actividades na Rede de Bibliotecas Munipais da Coruña, etc. Ademais, dentro dos actos programados para conmemorar o centenario da súa morte, o Concello vén de pintar sobre o asfalto 11 frases da escritora e de persoas expertas na súa escritura en puntos nos que a homenaxeada deixou unha fonda pegada, por exemplo na Fábrica de Tabacos, protagonista en varios dos seus libros, ou na Porta Real, próxima ao seu fogar.

Aínda que non garda relación directa co seu centenario, non queremos rematar esta publicación sen sinalar que a finais do pasado ano tamén houbo un acontecemento relacionado coa escritora que a fixo ser o centro de atención cultural e política, xa que se iniciou o proceso para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán que se atopa repartida entre a Real Academia Galega e o Pazo de Meirás.

Para finalizar, deixámosvos varias ligazóns de interese:

- Casa-Museo Emilia Pardo Bazán: atópase na casa na que viviu a escritora, na Cidade Vella da Coruña. Acolle a sede da Real Academia Galega.

- Real Academia Galega: fondos dixitalizados de Emilia Pardo Bazán

- La Tribuna: Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán: revista de acceso aberto destinada a publicar investigacións orixinais que acrecenten e refinen o coñecemento da figura e da obra da escritora.

- Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes: portal Emilia Pardo Bazán: portal con material biográfico, bibliográfico, documental e multimedia sobre a escritora.

- Mujeres en la historia. Emilia Pardo Bazán. RTVE: documental sobre a vida e a personalidade de Emilia Pardo Bazán.

No hay comentarios: