Os CRIS (Current Research
Information Systems) convertéronse nos últimos anos no modelo preferido para
integrar e tratar toda a información académica e de investigación das
diferentes institucións e así poder estudar e avaliar os resultados das
investigacións (Bernal Martínez, 2014).
Habitualmente as universidades
xestionan a produción científica do persoal investigador con ferramentas ad-hoc. Paralelamente existen outros produtos
que se encargan da xestión dos grupos de investigación, do persoal, etc., sen que
exista unha ferramenta para xestionar todos os procesos. O que se pretende
acadar cos CRIS é xestionar de maneira global todos os procesos relacionados
coa investigación, evitando a fragmentación de sistemas. Cabe destacar o
proxecto Hércules, iniciativa da
CRUE, que pretende deseñar unha arquitectura común que contribúa a harmonizar a
infraestrutura CRIS a nivel nacional.
Na maior parte dos casos e de
forma previa á implementación dos CRIS, as universidades crearon os
repositorios institucionais, como un primeiro paso cara ao acceso aberto na
produción científica destas institucións. No caso da UDC, temos o RUC, que ofrece acceso aberto ao texto
completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de
investigación e docencia. O seu obxectivo é dar maior visibilidade a estas
publicacións e asegurar a súa preservación e accesibilidade.
A UDC tamén conta co Sistema de Gestión curricular del
Personal Investigador (SUXI), que é de utilidade para centralizar toda a
información curricular en materia de I+D+i na UDC e no ámbito da Comunidade
Autónoma. É unha ferramenta que facilita o mantemento dos currículos
individuais e permite coñecer o estado da investigación en cada momento
facilitando a elaboración de estatísticas e informes de grupos, institutos e
departamentos. Deste sistema extraen información outras ferramentas como a Ficha do PDI da UDC, que ofrece información
relativa á docencia, investigación e cargos académicos e de xestión dos PDI da
UDC. Outro recurso de interese é o catálogo
de investigación da UDC, directorio de grupos, unidades e investigadores
individuais por centros, departamentos e institutos.
Algúns exemplos de CRIS nas universidades españolas son GREC (desenvolto pola Universitat de Barcelona), DRAC (CRIS da Universitat Politècnica de Catalunya), accedaCRIS (portal de investigación da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e parte do CRIS da universidade) ou UC3M-Research Portal (que integra toda a información dispoñible no CRIS institucional). Tamén existen portais como o Portal de la Recerca de Catalunya, coordinado polo CSUC, que aproveitando o traballo feito polas universidades e centros de investigación nos seus CRIS, ten por finalidade visualizar e difundir desde un único lugar a actividade investigadora que se leva a cabo en Cataluña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario