O Servizo de biblioteca da Universidade da Coruña ofrece dentro da súa
colección de recursos de información unha morea de recursos de acceso
electrónico, que se dividen en bases de datos, revistas electrónicas e libros
electrónicos. Para acceder aos mesmos, é imprescindible que sempre realicedes
o acceso dende a páxina web da biblioteca para garantir que este funcione
correctamente.
Tamén queremos lembrarvos que desde
fóra dos espazos universitarios é posible consultar os recursos
electrónicos contratados pola biblioteca. Soamente tedes que autenticarvos como
membros da comunidade universitaria desde esta páxina da web da biblioteca, identificándovos coas vosas
credenciais persoais da UDC (usuario e contrasinal). Tedes dispoñibles tanto un
vídeo como unha pequena guía para consultar o proceso.
Todos estes recursos, mercados ou subscritos pola Biblioteca, poden ser
consultados de diferentes xeitos:
Catálogo da biblioteca
Os recursos electrónicos poden ser localizados polo xeral no catálogo da biblioteca a través da opción Busca
en: Recursos en liña.
No despregable existen varias opcións de busca: por palabra clave
(recomendado cando non se coñecen títulos concretos ou autores), título, autor,
materia, etc. Neste vídeo pódese ver o proceso de como buscar e
consultar os recursos electrónicos no catálogo. Dentro do rexistro concreto
atoparase unha ligazón de acceso á base de datos ou ao texto completo das
revistas e libros electrónicos.
Páxina web da Biblioteca
Na sección de Recursos de información da páxina web da biblioteca pódese acceder tamén aos recursos electrónicos contratados, amais doutros recursos libres en formato electrónico.
- Bases de datos: o acceso ás bases de datos realízase sempre ao portal do seu provedor. Só é necesario premer no nome de cada base de datos para acceder.
- Libros electrónicos: para a maioría dos libros electrónicos ofrécense tres tipos de acceso: a través do catálogo da biblioteca, da web do editor ou de Pórtico (buscador de revistas e libros electrónicos da UDC), que se identifican a través destas iconas:
- Revistas electrónicas: para a maioría destes recursos ofrécense dous tipos de acceso: a través da web do seu editor ou ben a través de Pórtico (buscador de libros e revistas electrónicas da UDC). Igual que no caso anterior, atoparedes as iconas ao carón de cada recurso.
A iconaque se atopa ao carón de cada recurso é a páxina de información de cada un deles, que proporciona datos como a materia, contido, idioma…, así como guías ou titoriais de uso de cada unha das plataformas.
Algúns recursos electrónicos teñen un acceso institucional a través de RedIris, que permite acceder desde fóra da UDC directamente desde a páxina do recurso (é dicir, non é necesario entrar na páxina da biblioteca previamente). Prémese nunha ligazón co nome de "Acceso institucional" ou "Acceso Shibboleth" e selecciónase a institución á que pertence a persoa usuaria. Deseguido, solicitarase a autenticación coas credenciais da UDC. Nesta Infoguía pódese consultar a listaxe de bases de datos, revistas e libros electrónicos con acceso institucional, acompañada de guías sobre como realizar este acceso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario