viernes, 6 de abril de 2018

As redes sociais na universidade e nas bibliotecas


Na actualidade, as redes sociais constitúen unha ferramenta de comunicación fundamental. Entre as vantaxes da presenza nestas redes para unha institución como a universidade destacan aumentar a visibilidade así como a interacción cos usuarios, comunicarse de forma máis rápida e próxima ou divulgar información e contidos relacionados co eido académico. Non se trata soamente de interactuar cos usuarios actuais, senón que tamén se pode buscar atraer novos estudantes ou manter conectados aos exalumnos.

Como contas corporativas xerais da propia universidade, a UDC está presente en Twitter, Facebook, Instagram, Youtube e Linkedin, sendo éstas xunto con Pinterest as principais redes nas que ten presenza a UDC no seu conxunto. Cada servizo ou centro da UDC é susceptible de decidir cales destas redes se adaptan mellor ós seus obxectivos e necesidades, xa que cada rede social conta con particularidades propias que poden influir nun mellor e maior aproveitamento. Por exemplo, Facebook é a rede social máis popular entre as persoas de 18 a 29 anos, LinkedIn enfócase máis en profesionais, Twitter é o canal máis adecuado para divulgar de forma rápida noticias, etc.

A UDC posúe numerosas contas en redes sociais, dende as diferentes facultades e escolas, ata outros servizos e centros como o SAPE, CUFIE, Centro de Linguas, etc. As bibliotecas, nas que nos centraremos a continuación, son un destes servizos. A maioría das bibliotecas da UDC están presentes nas redes sociais. A que máis éxito ten é Facebook, seguida de Twitter e Pinterest, e algunhas tamén contan con outras redes como blogs, Scoop, Google+, Youtube, Flickr ou Instagram. Podedes consultar unha listaxe de tódalas bibliotecas coas súas respectivas redes na seguinte ligazón da web da biblioteca.
Fundamentalmente, o obxectivo das bibliotecas nestas redes é dar a coñecer os servizos e recursos que éstas poñen a disposición da comunidade universitaria, ademáis de transmitir o máis relevante que suceda (novas, proxectos, eventos…) relacionado coa nosa universidade ou con entornos que resulten de interese.

No que respecta ás outras bibliotecas universitarias de Galicia, a Biblioteca da USC, ademais das redes sociais de cada unha das facultades, ten presenza en sete redes, entre elas o interesante blog Fonseca. Pola súa parte, a Biblioteca da Universidade de Vigo é quizáis a que menos presenza ten: conta co BlogDaBiblio e con algunhas contas nas súas bibliotecas, fundamentalmente de Pinterest.

Antes de rematar, consideramos de interese citar un manual dirixido ás universidades con pautas e consellos que regulan a participación nas redes sociais destas institucións. Trátase do Manual de buenas prácticas en redes sociales de REBIUN.
Por último, damos conta de que a vindeira semana celebrarase por terceiro ano consecutivo unha xornada de formación e de intercambio de experiencias cos xestores das redes sociais de contas institucionais na UDC, #comunicaUDC2018.

No hay comentarios: