jueves, 22 de marzo de 2018

Criterios de calidade de monografías



En anteriores post analizabamos os diversos criterios, índices e indicadores que intentan medir a calidade das revistas científicas nas diferentes áreas do coñecemento. Neste novo post centrarémonos nas monografías, xa que publicar en libros en determinadas áreas como as Ciencias Sociais, Humanidades ou Ciencias Xurídicas é tanto ou máis frecuente que a publicación en revistas.
Os indicios de calidade dun libro ou capítulo de libro que propoñen as axencias de avaliación poden ser localizados en diversos recursos, tendo en conta o prestixio da editorial ou o número de citas. No que respecta ao prestixio da editorial, recomendamos a consulta de varios productos bibliométricos elaborados en España: 

- SPI: inclúe un ranking das principales editoriais de libros nas áreas de Humanidades e Ciencias Sociais. Trátase dun recurso indicado na convocatoria de sexenios da CNEAI.
- Bipublishers: baséase no Book Citation Index e recolle indicadores bibliométricos das editoriais indexadas no mesmo.
- Publisher Scholar Metrics: utiliza Google Scholar como fonte de datos. Pretende medir o impacto das editoriais de monografías científicas a partir do reconto de citas dos libros publicados polos profesores e investigadores de universidades públicas españolas, indizados no buscador ata 2012 no ámbito das Humanidades e Ciencias Sociais.
Tamén destaca o Sello de Calidad en Edición Académica (CEA-APQ), distinción que reciben determinadas coleccións editoriais e que acredita un recoñecemento da calidade científica e editorial das obras publicadas nelas, ao haber superado favorablemente os requisitos de calidade informativa, política editorial, procesos editoriais, reputación e prestixio que éste esixe. Trátase dun recurso indicado tanto na convocatoria de sexenios da CNEAI como no programa ACADEMIA da ANECA.

Para a busca de citas remitímonos ás bases de datos Web of Science (WoS) e Scopus. Na primeira intégrase Book Citation Index, que proporciona análises de citas aos libros indexados na propia WoS publicados a partir de 2005. Preséntase dividida en dúas seccións: unha de Ciencias e outra de Ciencias Sociais e Humanidades, e ofrece máis de 60.000 libros, ampliando a cobertura do índice con 10.000 títulos novos cada ano. Os criterios de selección de libros para a inclusión no Book Citation Index pódense consultar nesta ligazón.
Pola súa parte Scopus ofrece máis de 130.000 libros, engadindo cada ano tamén 10.000. Ao igual que na WoS, os libros seleccionados deben cumprir cunha serie de criterios relacionados coa calidade editorial que se poden consultar nesta ligazón

Por último, outros criterios que se teñen en conta son:
- ser obxecto de comentarios ou reseñas en publicacións científicas especializadas
- existencia de edicións traducidas a outras linguas, para o que contamos co Index Translationum, repertorio internacional de libros traducidos en tódolos campos do coñecemento elaborado pola Unesco.
- presenza en bases de datos, catálogos de bibliotecas universitarias ou repositorios.

No hay comentarios: