Nos últimos anos as bibliotecas
universitarias víronse afectadas por diversos cambios, fundamentalmente no eido
da tecnoloxía, o que permitiu mellorar diferentes aspectos da xestión
bibliotecaria, tanto dende o punto de vista do proceso técnico como da atención
ao usuario, renovación de espazos, etc.
Son diversos os informes que
analizan o entorno cambiante no que se moven as bibliotecas universitarias na
actualidade. Como exemplo, podemos citar o de SCONUL, asociación de bibliotecas
universitarias británicas, que foi reseñado en España por Ángel Borrego no
artigo ¿Qué
futuro para las bibliotecas universitarias?. Entre ditos cambios destaca a
“datificación” da ciencia, que inclúe tendencias como o acceso aberto, a
ciencia aberta, a minería de datos, a intelixencia artificial, as humanidades dixitais
ou as redes sociais de contido académico. Tamén se cita unha aprendizaxe máis
flexible, social e baseada en ferramentas tecnolóxicas, así como a importancia que
adquire a curación de contidos creados dentro da propia institución para poñelos
a disposición dunha audiencia externa.
Por outra banda, se miramos cara
ao futuro, destacamos o Informe
Horizon edición bibliotecas sobre las tendencias en bibliotecas universitarias,
no que na súa última edición 2017 recolle as tendencias que serán importantes nas
bibliotecas universitarias nos vindeiros 5 anos, dividíndoas en 3 bloques
segundo o prazo de anos: a curto prazo (1-2 anos) destacan a xestión de datos de investigación
(indícase que arquivar as observacións que conducen a novas ideas converteuse nunha
parte fundamental da difusión de informes) e valorar a experiencia do usuario. A medio prazo (3-5 anos) destacan
aos usuarios como creadores (xa que
nos últimos anos existe un aumento das comunidades de creadores, proxectos
financiados por crowdfunding…) e repensar
os espazos da biblioteca (co obxectivo de mellorar a interacción cara a
cara cos usuarios). Finalmente, a longo prazo (5 ou máis anos) inclúese a colaboración interinstitucional
(mellorando o acceso a materiais académicos e participando en proxectos
cooperativos) e a evolución da natureza
dos rexistros de impacto da investigación (facendo referencia as
ferramentas altmétricas emerxentes).
Por último, podemos citar os
retos de futuro que expón Rebiun no seu actual Plan
Estratéxico, que se enmarcan en 3 escenarios: tecnolóxico (dixitalizar coleccións, crear contidos, adaptar os
servizos bibliotecarios ás redes sociais dos usuarios…), de aprendizaxe e investigación científica
(innovar en instalacións, espazos e servizos para adaptarse á aprendizaxe
virtual, crear servizos bibliotecarios personalizados para os investigadores, xestionar a
produción, edición e difusión das publicacións…) e de alianzas e calidade (o reto de futuro é a cooperación, e as
alianzas e a internalización da biblioteca van a ser cada vez máis necesarias para
poder ofrecer servizos de calidade e unha información científica relevante
á universidade).
No hay comentarios:
Publicar un comentario