viernes, 2 de marzo de 2018

Revistas científicas españolas en Ciencias da Saúde: criterios de calidade

 
En anteriores post facíamos referencia aos diversos criterios, índices e indicadores que intentan medir a calidade das revistas científicas nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades, así como en Ciencia e Tecnoloxía. Neste novo post centrarémonos no ámbito das Ciencias da Saúde.
O principal destos indicadores segue sendo o JCR. Así se manifesta por exemplo na última convocatoria de sexenios da CNEAI, na que para o campo de Ciencias Biomédicas afírmase que “se valorarán los artículos publicados en revistas de reconocida valía, aceptándose como tales  las que ocupen posiciones relevantes en el listado correspondiente a su categoría científica  en  el Journal Citation Reports”. Respecto a este indicador, destacamos que Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema Público de Saúde de Galicia), incorpora na súa web unha listaxe das “Revistas Españolas de Ciencias de la Salud con Factor de Impacto 2016”, incluídas no JCR.
Do mesmo xeito que nos outros campos do coñecemento, tamén hai que ter en conta o  SJR, portal que analiza, a partir das revistas incluídas en Scopus, os índices bibliométricos das mesmas. Trátase dunha plataforma de acceso aberto destinada a avaliación do impacto e rendemiento científico de revistas e países. Así mesmo, remitímonos tamén a Latindex, directorio de revistas iberoamericanas cun sistema de clasificación baseado en 33 criterios de calidade, no que se atopan as ciencias médicas.

Ademais destas ferramentas xenéricas que cobren diferentes áreas do coñecemento, existen outros parámetros específicos para detectar a calidade dunha publicación en ciencias da saúde:
Un proxecto destacado para esta área de ciencias da saúde é Scielo, que busca aumentar a visibilidade das publicacións científicas de América Latina, Caribe, España e Portugal. Aínda que é multidisciplinar, no caso das revistas españolas limítase casi exclusivamente as da área biomédica, consecuencia do acordo co Instituto de Salud Carlos III. Ditas revistas son seleccionadas de acordo a uns criterios de calidade preestablecidos, e entre outros módulos conta cun de cálculos bibliométricos. Ditos criterios pódense consultar na seguinte ligazón.
Outro repertorio que ten uso por parte de universidades e axencias avaliadoras é Cuiden Citation, que proporciona información sobre citas, indicadores de impacto, repercusión e actividade das revistas sobre coidados da saúde no espazo científico iberoamericano. No último ranking do 2016 de revistas máis citadas de enfermaría en Iberoamérica, as revistas brasileiras son as máis numerosas (22 títulos), aínda que seguidas moi de preto polas revistas españolas, con 21 títulos, que supoñen a outra gran contribución ao repertorio. 

Aínda que é un recurso sen actualización dende 2005, temos que lembrar o Factor IME, factor de impacto potencial de revistas médicas españolas, elaborado polo Instituto de Historia de la Ciencia y Documentación López Piñero do CSIC, e que comprende estudos bibliométricos para o período 2001-2005.
Tampouco podemos esquecer bases de datos como Medline, a base de datos de ciencias da saúde máis prestixiosa do mundo, que xunto as bases de datos do ISI, ven sendo amplamente utilizada na análise da actividade científica internacional e nos estudos bibliométricos. Como subproducto cabe citar Pubmed, plataforma de busca gratuíta que permite o acceso a Medline e a outras bases de datos compiladas pola National Library of Medicine.

No hay comentarios: