viernes, 23 de febrero de 2018

Revistas científicas españolas en ciencia e tecnoloxía: criterios de calidade



Nun anterior post facíamos un percorrido polos principais criterios que son propios das revistas de calidade, citando os recursos que se teñen en conta para a avaliación de revistas científicas, concretamente no ámbito das ciencias sociais e humanidades. Neste novo post centrarémonos no campo da ciencia e tecnoloxía.
Para coñecer os criterios de calidade editorial que cumpren as revistas e qué clasificación teñen nas distintas listas, remitímonos aos xa explicados no anterior post Latindex e MIAR, xa que ambos recursos teñen en conta os diferentes campos do coñecemento e polo tanto, son aplicables tamén ao ámbito das ciencias. Tamén son de interesante consulta as Revistas científicas españolas acreditadas pola FECYT, avaliadas favorablemente na súa calidade editorial e científica pola FECYT, con selo de calidade.

Para as axencias avaliadoras (ANECA, CNEAI…), o criterio de calidade que máis destaca para os artigos deste ámbito é a súa publicación en revistas  incluidas no Journal Citation Reports (JCR) ou en Scopus.
No que respecta ao JCR, é unha medida de calidade científica para avaliar as revistas académicas. Valórase especialmente en acreditacións da ANECA (programas PEP e ACADEMIA), na convocatoria de sexenios da CNEAI…polo que é de imprescindible consulta para os investigadores. Cabe destacar que presenta un marcado sesgo xeográfico (países anglosaxóns) e lingüístico (publicacións en lingua inglesa).
Por outra banda, para mostrar a visibilidade das revistas contidas en Scopus cóntase co SJR (Scimago Journal & Country Rank), portal gratuito que inclúe as revistas científicas e os indicadores científicos por países que utiliza os datos desta base de datos. 

Hai casos de áreas concretas como a arquitectura, na que a CNEAI ten en conta os artigos publicados en revistas incluidas en bases de datos da especialidade como Avery ou Riba. O mesmo sucede coa enxeñaría, na que poden terse en conta os artigos publicados en revistas recollidas en bases de datos internacionais de enxeñaría como TRIS Electronic Bibliography Data.
Ademais, existen recursos específicos para determinadas disciplinas, como IBRA (Indicadores Bibliométricos de Revistas de Arquitectura), elaborado pola Universidad Politécnica de Cataluña, que aporta indicios de calidade de revistas do ámbito da arquitectura.
En resumen, podemos concluir que figurar nas bases de datos internacionais Web of Science e Scopus é o indicador de calidade máis aceptado para as revistas da área de ciencia e tecnoloxía.

No hay comentarios: