lunes, 2 de abril de 2012

Manuel Rivas, doutor honoris causa da UDC


O 23 de marzo de 2012 o reitor, Xosé Luis Armesto, concedeu o grao de doutor honoris causa a Manuel Rivas e a John Rutherford.

Rivas, que entrou no Paraninfo ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia e cunha flor de toxo na man que lle deron os veciños de Elviña, comezou a súa primeira lección como doutor da Universidade da Coruña agradecendo o seu nomeamento. Neste mesmo paraninfo, tomou posesión como membro da Real Academia Galega (RAG) fai pouco máis de dous anos. Periodista e poeta, coñecido sobre todo pola súa faceta de narrador, coa que obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 1996, e tres veces o da Crítica Española, escribiu toda a súa obra en galego. O seu padriño, o profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro salientou o especial carácter do seu activismo, comprometido non só coa lingua e a literatura galegas, senón tamén cunha "teimosa defensa das causas universais dos bos e xenerosos".

John Rutherford, profesor emérito do Queen's College da Universidade de Oxford e traductor de "Don Quijote" e "La Regenta" ao inglés, foi tamén fundador do Centro de Estudos Galegos nesta universidade, presidente da Asociación Internacional de Estudos Galego e é tamén académico honorario da RAG.

A UDC considerou que Manuel Rivas é o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega, como pon de relevo a súa extensa traxectoria como xornalista, narrador e poeta. Con respecto a John Rutherford, a UDC estimou que é un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega.

Tedes máis información do acto en: http://tinyurl.com/c5kmhuw , http://tinyurl.com/cvnlqyo e http://tinyurl.com/cgdbf9u

No hay comentarios: