martes, 31 de octubre de 2017

A Biblioteca da Universidade da Coruña na Galipedia


Hai unhas semanas dedicabamos un post deste blog a analizar a presenza das bibliotecas na Wikipedia. Citabamos un artigo de Concha Varela Orol, Bibliotecas galegas: enredad@s co patrimonio?, no que se deixaba constancia de que crear contidos na rede implica traballar contidos non só nos espazos propios como a web, blogs, redes sociais, etc., senón que tamén implica saír a outros nodos para estar presentes con información de calidade. Citaba como exemplo disto último as wikipedias, pola súa importancia como traballo colaborativo e uso na rede.
Por iso, dende a Sección de Información e Referencia elaboramos unha entrada dedicada á nosa biblioteca na equivalente en galego da Wikipedia, a Galipedia. A podedes consultar nesta ligazón.

Nela describimos brevemente en qué consiste este servizo da universidade e analizamos a súa estrutura dando conta dos diversos puntos de servizo bibliotecario que se ofrecen entre os campus de Ferrol e Coruña. Tamén damos información sobre os documentos que integran a colección, tanto das cantidades como dos formatos, destacando a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, dedicada a este escritor e reputado investigador teatral galego. Os servizos que ofrece a biblioteca tamén aparecen brevemente descritos nesta páxina, citando os principais: información, préstamo, formación de usuarios e servizos en liña.
Por último, inclúense outros artigos relacionados (páxina da Galipedia da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela), así como a ligazón externa á páxina web da biblioteca.

Desta maneira sumámonos á iniciativa de moitas outras bibliotecas que teñen o seu artigo na Galipedia, como é o caso da Biblioteca de Galicia. Na cidade da Coruña, citamos como exemplos a Biblioteca Provincial da Diputación da Coruña ou a Biblioteca Pública de A Coruña Miguel González Garcés.
Xa a nivel nacional teremos que recurrir á Wikipedia, na que tamén están presentes moitas bibliotecas universitarias de España.

No hay comentarios: