Con motivo desta fin de semana de
Nadal, achegámosvos a historia dunha das figuras da tradición popular galega
relacionada con estas datas, o Apalpador. Acompañamos o post cunha
representación gráfica do mesmo, realizada polo artista Leandro Lamas.
A súa orixe vincúlase coas zonas
do interior rural de Galicia, concretamente da montaña lucense. Son moitas as
persoas máis maiores destes lugares as que lembran a súa figura e cantan as
cancións populares que lle adicaban. Algúns exemplos atópanse neste documental con
testemuñas sobre esta tradición recollidas en diversas comarcas galegas, estas declaracións
dun home de Lugo que lembra a tradición cando era neno ou as palabras desta veciña do
Courel.
Estas conversas cos veciños das
montañas lucenses recompílanse no libro Teoría
de inverno, editado polo colectivo “A Ghentalha do Pichel” e considerado o primeiro
estudo en profundidade da figura do Apalpador.
Segundo a tradición, o Apalpador baixaba
das montañas para "palpar" a barriga dos nenos, comprobar que estaban
ben alimentados e deixarlles castañas, alimento dos invernos das montañas galegas
dos séculos XIX e XX. Este personaxe
caracterízase polo seu aspecto groso e porque leva productos da terra aos nenos,
acompañados de entrañables cancións, repartindo alegría e ilusión.
Durante moitos anos esta
tradición caeu no olvido, pero volveu a saír á luz a raíz da publicación do investigador
José André López González, que no 2006 publicou na web do Portal Galego da
Lingua un traballo sobre a súa existencia. Dito documento pódese consultar na
seguinte ligazón.
A súa figura comezou a
popularizarse como símbolo do anticonsumismo no Nadal e para recuperar os
valores da tradición galega. Desta forma, nos últimos anos cada vez son máis as
localidades de Galicia que celebran e escenifican nas rúas a visita do
Apalpador, recuperando esta figura en cabalgatas ou actividades do Nadal. Por
exemplo, na Coruña xa estivo a fin de semana pasada, e nos vindeiros días o
fará noutras localidades galegas como Ferrol (o sábado 23 de decembro terá
lugar a ruada do Apalpador polos barrios da cidade) ou Pontedeume (onde terá
lugar un espectáculo de monicreques inspirado na figura do Apalpador). Esta
obra interpretarase tamén noutras vilas galegas que se poden consultar na
seguinte ligazón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario