viernes, 19 de enero de 2018

A Biblioteca do Real Consulado da Coruña



A Biblioteca do Real Consulado é a primeira biblioteca pública da Coruña (fúndase en 1803) e actualmente continúa en activo. Na súa orixe tivo un carácter de  ilustración  dos  coruñeses,  aínda que nos nosos días gañouse a súa importancia patrimonial.
Unha singularidade desta biblioteca fronte ao resto das bibliotecas públicas da súa época, con coleccións froito do mecenado ou das diversas desamortizacións, é que a Biblioteca do Real Consulado conta dende un principio cun plan de adquisicións, baseado na Agricultura, Artes, Comercio,  Economía Política e Belas Letras, o que consegue formar unha biblioteca ancorada na Ilustración.

En canto á súa colección, destaca especialmente o seu carácter enciclopédico. Dende o principio a biblioteca beneficiouse  dunha política de donativos con legados de Juana  de Vega ou de Eduardo Pondal, entre outros. Na actualidade, a colección consta de 19.661 títulos de monografías, con obras en varios volumes que suman 1.000 volumes máis (sobre todo enciclopedias), e 449 títulos de publicacións periódicas. Parte dos rexistros bibliográficos da colección están accesíbeis nos catálogos en liña da Rede de Bibliotecas de Galicia e do Catálogo Colectivo  do  Patrimonio  Bibliográfico  de  Galicia. Tamén están accesíbeis catálogos en formato libro, de títulos, materias e libros prohibidos, elaborados no primeiro cuarto do século XIX, que conteñen  os  rexistros  da  colección  orixinal. Este material tan interesante acadou o trato de Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.

Entre os seus fondos destacan obras do humanista Aldo Manuzio, o gran editor e impresor italiano do Renacemento. Nesta biblioteca consérvanse catro obras aldinas: unha procede da biblioteca do ilustrado José Cornide Saavedra e as outras pertenceron ao fundador da institución, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, outra gran figura da Ilustración coruñesa. Neste artigo de prensa publicado recentemente pode ampliarse dita información.
Tamén conserva un dos dous exemplares achados da “Tabula Philologica”, unha rareza impresa en 1835 polo italiano Florencio Galli, coa que cría poder cambiar o mundo. Soamente se conservan dous exemplares: un deles na British Library, e outro nesta Biblioteca do Consulado, a onde chegou grazas a Juana de Vega, a súa antiga propietaria, que o legou á institución.
A primeira edición holandesa de El Quijote ou un manuscrito inédito de Quevedo son outros dos valiosos fondos que atesoura. Como podemos ver, trátase dunha biblioteca que agocha un rico patrimonio, e cuxos responsables apuntan que existen na cidade e no seu entorno «valiosos tesouros que por diversas razóns permanecen no olvido».
Para ampliar a información sobre esta biblioteca podedes consultar o artigo A Biblioteca do Consulado da Coruña, publicado en Murguía: revista galega de historia.

No hay comentarios: