viernes, 23 de noviembre de 2018

Mobile Week Coruña


Dende o pasado 21 de novembro e ata o vindeiro día 28, A Coruña acolle a Mobile Week, cidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que se celebra fóra de Cataluña. Trátase dun espazo de reflexión sobre a transformación dixital e a relación entre os cidadáns e a tecnoloxía, e que reúne a artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros…nunha iniciativa aberta para tódolos públicos e difundida pola cidade. Ao longo desta semana, A Coruña e a súa área metropolitana serán o punto de encontro no que se analizará e debaterá, dende diferentes perspectivas, o cambio tecnolóxico social actual, ademais de ofrecerse máis dun centenar de actividades (talleres, exposicións, ponencias…).
Mobile Week Coruña divide as súas actividades en catro eixos:
  -  mWeek TALKS: conferencias, diálogos, presentacións e entrevistas entre expertos.
  -  mWeek LAB: workshops e actividades de participación cidadana.
  -  mWeek GALLERY: concertos, exposicións ou exhibicións de arte.
  -  mWeek KIDS: actividades sobre arte, ciencia e tecnoloxía para nenos.

A Universidade da Coruña colabora coa Mobile Week Coruña aportando numerosas actividades. Por exemplo, de cara as actividades desta fin de semana sinalamos as seguintes:
- Mañá sábado 24 a Facultade de Informática acollerá o obradoiro “A hora do código. Aprendendo a programar”, unha actividade dirixida a nenos e nenas que achegará a programación de computadores dunha forma simple e divertida.
- Tamén o sábado terá lugar na Fundación Barrié a mesa de debate “Futuro dixital, para tod@s?” na que participará Susana Ladra, profesora da Facultade de Informática da UDC e directora do Campus Innova.
- O Paraninfo da Reitoría acollerá na tarde do sábado dúas charlas que reflexionarán sobre a ética e a tecnoloxía con participantes como Nieves Rodríguez Brisaboa, directora do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD).
Por último, lembrámosvos que tódalas actividades son gratuítas, aínda que é necesaria a inscrición previa a través da páxina web da Mobile Week Coruña, onde tamén poden consultarse tódolos detalles do programa: https://www.mobileweekcoruna.com/

No hay comentarios: