viernes, 8 de octubre de 2021

Material de formación en competencias dixitais para estudantado de grao



A competencia dixital é unha das oito competencias para a aprendizaxe ao longo da vida definidas polo Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea, entendendo como tal aquela competencia que “implica o uso seguro e crítico das Tecnoloxías da Sociedade da Información (TIC) para o traballo, o lecer e a comunicación”. Para o seu desenvolvemento estableceuse un Marco Europeo de Competencias Dixitais para os Cidadáns, coñecido como DIGCOMP.

REBIUN vén impulsando desde hai tempo a adopción deste Marco, e en 2019 creou un material de autoformación para capacitar en competencia dixital ao estudantado de grao. Estruturado segundo o DIGCOMP, consta de 5 áreas con 21 competencias en total.

Pola nosa parte, desde o Servizo de Biblioteca, personalizamos este material para adaptalo á Biblioteca da UDC. Podedes acceder a él na nosa páxina web no apartado Material de formación en competencias dixitais para estudantes de grao.  Para cada competencia, ofrécese material autoformativo coa seguinte distribución:

a) Un vídeo de presentación dun problema relacionado coa competencia a desenvolver que debe resolver un estudante e que sirva como “gancho” para seguir os materiais formativos.

b) Unha serie de presentacións en PDF cos coñecementos que un estudante debe adquirir sobre a competencia.

Os contidos incluídos abranguen dende material de interese para o estudantado no ámbito académico (como elaborar un traballo de curso, realizar buscas de información…) ata material para o tempo libre e a comunicación (recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, comprar de forma segura en Internet…).

A continuación, resumimos nunha táboa os principais temas tratados en cada unha das competencias:

Competencia 1. Información e tratamento de datos

- Como empezar a elaborar un traballo académico

- Identificar as principais fontes de información (catálogo da biblioteca, bases de datos…)

- Avaliar e seleccionar a información

- Como gardar e organizar a información na contorna dixital

- Coñecer os sistemas de citas e referencias e a utilidade dos xestores bibliográficos para os traballos académicos

Competencia 2. Comunicación e colaboración

- Recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital

- Redes sociais para o desenvolvemento académico e profesional

- Traballo colaborativo en liña

Competencia 3. Creación de contido dixital

- Aplicacións de edición de vídeo, texto e audio para facer presentacións, infografías, etc.

- Consideracións sobre os dereitos de autor (tipos de plaxio, estratexias para evitalo, utilidade das licenzas Creative Commons…)

 

Competencia 4. Seguridade

- Recomendacións para protexerse dos riscos e ameazas asociados ao mundo dixital (utilización de antivirus, evitar redes WIFI públicas, crear contrasinais seguros...)

- Protexer a privacidade en Internet

- Comprar de forma segura

- Reducir a publicidade non desexada

Competencia 5. Resolución de problemas

- Identificar problemas técnicos e resolvelos no que respecta ao uso de dispositivos dixitais

- Coñecer ferramentas e tecnoloxías que sirvan de apoio para resolver problemas de forma creativa

 

En definitiva, este material ten como obxectivo apoiar ao estudantado dos diferentes graos no desenvolvemento de destrezas para ser hábiles e competentes na busca, localización, avaliación, xestión e uso ético e legal da información.  

 

No hay comentarios: