Nesta nova publicación do blog falámosvos
de Galiciana,
a biblioteca dixital de Galicia. De libre acceso para os usuarios/as, o
material que contén destaca polo seu valor para a historia, o patrimonio, a
ciencia, a lingua e a cultura de Galicia.
Galiciana integra, ademais de
fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración
coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar
recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia
como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a
Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a
Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
A súa colección estrutúrase nos
seguintes apartados: Monografías, Hemeroteca, Cartografía, Manuscritos,
Ilustracións e fotos (carteis, tarxetas postais e ephemera), Arquivos persoais
(custodia os arquivos de Camilo Díaz Baliño e Carlos Casares), Rexistros
sonoros, Rexistros audiovisuais e Música impresa.
Galiciana ten actualmente 220.503
obras, das que 163.701 son libros e o resto xornais, revistas, artigos,
manuscritos e material non librario: mapas, materiais sonoros, ilustracións ou
fotos, entre outros. Os datos desagregados pódense consultar na sección Estatísticas.
Segundo datos recollidos nesta entrevista
á xefa de servizo da Biblioteca de Galicia, en Galiciana os documentos máis antigos
son o manuscrito “Legenda
Aurea”, do Beato Jacobo de Vorágine, do século XIV; e o incunable “Sermones
de patientia in Job”, de 1471.
Un dos contidos máis destacados
desta biblioteca dixital é a prensa histórica galega. Un dos xornais máis
consultados polos estudosos e persoal investigador é El
Correo gallego, o cuarto máis antigo de España.
Co obxectivo de darlles unha mellor
difusión a determinadas coleccións, en Galiciana creáronse micrositios
especializados. Algúns deles son:
- Emilia
Pardo Bazán: creado o pasado ano 2021 co gallo do centenario do falecemento
da autora, reúne 90 obras dixitalizadas.
- Xacobeo:
reúne documentos que teñen como temática o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a
cidade de Compostela.
- Fondo
Estudos Locais A Coruña: é o resultado do proxecto de dixitalización dos
fondos da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña, na que se conservan
todo tipo de publicacións relacionadas coa cidade da Coruña. Inclúense desde documentos
dos séculos XVII ao XIX ata publicacións seriadas galegas, principalmente
coruñesas, que reflicten a realidade histórica da Galicia decimonónica e de
principios do século XX.
- Real
Academia Galega: reúne arredor de 900 títulos de monografías e publicacións
periódicas fruto da dixitalización dos fondos da RAG. Esta colección resulta de
consulta obrigada para calquera achega á cultura galega, xa que se trata dunha
biblioteca especializada na área das humanidades, especialmente nos campos da
historia, folclore, literatura e lingua de Galicia. Entre os fondos inclúense cabeceiras
de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos.
- Grandes
clásicos da literatura galega: forman esta colección 43 títulos de obras
clásicas da literatura feita en Galicia, en galego e castelán, de autores/as
como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Sofía Casanova ou
Emilia Pardo Bazán, entre outros. As obras pódense descargar en tres formatos:
JPEG, PDF e ePub.
- Festas
de Galicia: permite consultar programas de festas das principais cidades de
Galicia publicados entre os anos 1880 e 1958, permitindo achegarnos á vida
cultural e social desas épocas.
Os demais micrositios dispoñibles
en Galiciana pódense consultar nesta ligazón.
Galiciana é un proxecto en
continua actualización e crecemento que pretende que o patrimonio bibliográfico
galego teña cada vez máis presenza na rede. De feito, esta semana veñe de
anunciarse a incorporación de 700 novos
documentos.
Para finalizar, cómpre mencionar que o proxecto Galiciana tamén está composto polo Arquivo Dixital de Galicia e polo recolector de metadatos do Patrimonio Dixital de Galicia.
.png)
No hay comentarios:
Publicar un comentario