viernes, 8 de julio de 2022

Librarías independentes

Recentemente presentouse o Mapa de Librerías de España 2022, estudo que leva realizándose desde hai máis dunha década e que se consolidou como o instrumento de análise que recoñece e estuda as librarías independentes de España, posibilitando establecer tendencias no sector a través da análise realizada ao longo destes anos.

Nesta edición contabilizáronse 2.977 librarías, o que supón 6,2 librarías independientes por cada 100.000 habitantes. No que respecta a Galicia, os datos reflicten boas novas para a nosa comunidade: con 10,28 librarías por cada 100.000 habitantes, sitúase no ranking das cinco comunidades autónomas con maior presenza de librarías. En total, 277 establecementos dedicados aos libros.

Outros datos do estudo amosan que nos cadros de persoal predominan as mulleres, o 67% teñen páxina web e o 87% dispón de redes sociais.

Sobre a evolución do sector nestes últimos anos, concretamente desde 2016, obsérvase unha progresión favorable: aumentou a facturación en libro, ampliouse a gama de produtos que se ofertan nos puntos de venda e fortalecéronse os equipos de traballo con máis profesionais nos cadros de persoal e menos temporalidade.

Ademais deste estudo, tamén queremos salientar o programa "Afinidades electivas", organizado polo Ministerio de Cultura desde 2020 e que se celebra en librarías independentes de toda España. O obxectivo é impulsar a actividade das librarías e dos autores e autoras, tras unha das maiores crises vividas polo sector. A iniciativa consiste en reunir a dous ou dúas autores/as que escriban en diferentes linguas de España para falar das súas semellanzas, diverxencias ou conexións. Neste ano 2022, na Coruña participarán Clara Fuertes e Ana Basanta en Bululú Libros o 29 de setembro, Bibiana Candia e Jon Bilbao na libraría Moito Conto tamén o día 29, e por último Raquel Lanseros e Xulio López Varcárcel na libraría Berbiriana o 11 de outubro.

E falando de librarías da Coruña, queremos facer referencia á iniciativa “Librarías Orgullosas”, que pretenden visibilizar a historia e reivindicacións do colectivo LGTBIQ+ a través da literatura. Nela colaboran Berbiriana, Alita Comics, A Tobeira de Oza, aZeta, Fiandón, Couceiro, Suévia, Metrópolisis Cómics, Moito Conto, Nobel, Ouse e Xiada, logrando que unha parte do catálogo das mesmas teña un espazo reservado para a temática LGTBIQ+.

Tamén cabe destacar o éxito de Todostuslibros.com, plataforma de comercio en liña e comunidade lectora das librarías independentes que se puxo en marcha a finais de 2020. Con máis dun millón de libros dispoñibles e máis de 300 librarías facendo venta directa, o proxecto conseguiu agrupar baixo unha soa marca a moitas pequenas librarías de barrio, multiplicando así a súa visibilidade e as súas posibilidades de comercio en liña.

Outra web que interactúa con esta plataforma é Las librerías recomiendan, páxina de recomendacións literarias dos libreiros e as libreiras independentes, que elixen os libros e escriben críticas literarias e recomendacións.

Para finalizar, lembramos que máis aló da venda de libros, estes espazos convertéronse en centros de activismo cultural que ofrecen grupos de lectura, encontros literarios, recitais poéticos, contacontos, etc., ademais de contar con fondos editoriais seleccionados e unha coidada atención por parte do seu persoal, factores que sen dúbida influíron no impulso das mesmas.

No hay comentarios: