lunes, 22 de abril de 2024

DIA DO LIBRO 2024

 


Mañá martes día 23 celébrase o Día do Libro, fixado pola UNESCO desde 1995 nesta data por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixe unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Estrasburgo (Francia)          que foi seleccionada polo seu desexo de contribuír ás reflexións e debates do noso tempo como o cambio climático, o aumento das desigualdades e o declive da democracia. A riqueza do seu patrimonio material e inmaterial, a notoriedade dos seus actores culturais, a vitalidade dos seus artistas, as persoas creadoras e profesionais do libro e a cultura, permitiron outorgarlle a esta cidade o título de Capital Mundial do Libro.

Poucas persoas coñecen a orixe española desta iniciativa ou o feito de que en España a celebración deste día nos seus comezos estaba fixada o 7 de outubro, data na que se consideraba que nacera Cervantes. Podedes descubrir curiosidades da historia da celebración do Día do Libro neste pequeno vídeo.

O cartel elixido este ano polo Ministerio de Cultura y Deporte para conmemorar este día foi creado por Luci Gutiérrez, Premio Nacional de Ilustración 2023 e leva unha cita de Luis Mateo Díez, Premio Cervantes 2023. A súa autora cóntanos o proceso da súa creación.

A Biblioteca Universitaria da Universidade da Coruña acolle mañá a presentación do libro Por la estela del navío: historia triste de una revolución alegre", o diario de Tomás Acción Golpe, escrito por Moisés Acción. Ás 12:00 horas na Biblioteca “Casa do Patín”.

Entre as actividades do Ministerio de Cultura destaca a cerimonia de entrega do Premio Cervantes Luis Mateo Díez na Universidade de Alcalá o mesmo día 23. As bibliotecas públicas tamén organizan actividades diversas. Destaca a da Biblioteca Pública del Estado Anxel Casal de Santiago de Compostela, que fará un paseo literario pola cidade. Tamén os museos estatais contribúen a celebrar esta data.

Na nosa comunidade autónoma, Ferrol acolleu a súa Feira do Libro os días 19, 20 e 21 e tamén Oleiros sumouse por primeira vez e organizou a súa primeira Feira. Na Coruña non temos Feira ata agosto pero as nosas bibliotecas municipais prepararon unha chea importante de actividades para toda esta semana.

Outras asociacións tamén aproveitan para facer exposicións, charlas ou presentacións de libros como a de Pasado arrincado. Lugares de Memoria democrática en Galicia, libro coordinado por Emilio Grandío o luns 22 ás 19:30 h na A.C. Alexandre Bóveda. O Museo de Belas Artes ten preparado unha visita guiada pola súa biblioteca para o día 23 ás 19:00 h.

As librarías convídannos a celebralo con elas e desde CEGAL lémbrannos que este día as compras teñen un 10% de desconto. Para quen non poida desprazarse a súa libraría, a plataforma de comercio online das librarías independentes, todostuslibros.com, ofrece información sobre os libros máis vendidos e recomendacións sobre cómics e libros para todas as idades.

Outras ligazóns de interese:

- 15 novelas para regalar este día del libro, proposta do programa Página 2 de RTVE.

- Las treinta recomendaciones de “Babelia” para el Día del Libro 2024.

- Caderno sobre Ánxel Casal e a edición galega en Nós Diario.


No hay comentarios: