martes, 3 de junio de 2014

Os recursos de información na Biblioteca da UDC, parte 1: introdución





O sitio web do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña (BUDC) recompila e clasifica unha grande cantidade de información que serve de apoio ao estudo e á investigación. Antes de presentar todos os recursos que ofrecemos desde a páxina web da Biblioteca, queremos facer un resumo deles.

Os recursos documentais, tanto de pago como gratuítos, inclúen as coleccións en papel accesibles a través do catálogo e as coleccións dixitais (bases de datos, revistas-e, libros-e e repositorio institucional RUC); outros recursos por áreas; e recursos en acceso aberto  (portais de revistas en acceso aberto, libros académicos en acceso aberto, repositorios de documentos en acceso aberto, etc.).

Dentro dos recursos de pago atopamos bases de datos, revistas electrónicas e libros electrónicos (só os integrantes da comunidade universitaria terán acceso a eles desde fóra da Universidade).

Os recursos gratuítos intégranos unha selección de páxinas web organizadas por disciplinas e por tipos de materiais. Son recursos de apoio á aprendizaxe e de apoio á investigación, documentos gratuítos de interese para todas as disciplinas e para materias concretas, dirixidos ao estudantado e ao persoal docente e investigador.

Para buscar información completa sobre un tema específico o mellor é buscar nas bases de datos, que dan acceso a toda a información publicada nas revistas. Case todas as disciplinas teñen as súas bases de datos específicas. Podedes consultar as bases por materias na seguinte listaxe: bases de datos por materias.

No hay comentarios: