viernes, 19 de diciembre de 2014

OPEN ACCESS E OPEN DATA



Falabamos a semana pasada do Repositorio da Universidade da Coruña (RUC), materialización dos principios do open access -acceso aberto a artigos e traballos académicos-,  a través da “ruta verde” ou green open access -artigos en repositorios-. O gold open access ou “ruta dourada” refírese á creación de revistas en acceso aberto, e o RUC inclúe unha colección de revistas deste tipo, elaboradas na UDC.

Tralo éxito e consolidación alcanzados polo open access e grazas a avances das TIC -bioinformática, data mining e data analysis-, a Unión Europea e outros organismos internacionais deron un paso máis, centrando o seu interese nos open data ou datos abertos.

Por unha banda, fálase de datos abertos de investigación ou research open data, onde o que se comparte son datos e procedementos contidos nos artigos e traballos de investigación, principalmente nos campos das ciencias da saúde, qúimica, física, pero tamén nas ciencias sociais e humanidades. O proxecto OpenAIREplus da UE -encadrado no programa Horizon2020, e sucesor de OpenAire do VII Programa Marco no campo dos datos abertos- está a traballar para crear políticas, estándares de interoperabilidade e depósitos axeitados que permitan a implementación do Open Research Data Pilot. Zenodo, o seu repositorio organizado polo CERN, permite a todo investigador que non dispoña doutro medio, o depósito do seu artigo e/ou datos de investigación, facilitándolles o cumprimento de demandas de acceso aberto da UE e do European Research Council. Re3data.org e Databib agrupan os diferentes repositorios de datos de investigación.

Do procesamento de conxuntos de datos ou datasets mediante técnicas estatísticas e informáticas pódese extraer información nova. En materia de xenómica, existen numerosos portais colaborativos que contan con Servizos web para analizar a información contida neles. A publicación dos datos obtidos en estudos de medicina e química permiten a reproducibilidade dos experimentos.

Por outro, fálase dos government open data: datos que gobernos deixan en aberto e accesibles aos cidadáns para que estes poidan coñecer e pedir contas -accountability- das actividades das Administracións nun exercicio de transparencia. A Administración americana e o Presidente Obama foron pioneiros na publicación deste tipo de datos, como parte da “Open Government Iniciative”. En palabras do propio Obama,  “a miña Administración está comprometida coa creación dun nivel sen precedentes de apertura no Goberno. Traballaremos xuntos para asegurar a confianza do público e establecer un sistema de transparencia, participación pública e colaboración. A apertura fortalecerá a nosa democracia e promoverá a eficiencia e a eficacia no Goberno”.

A primeira iniciativa significativa de government open data en España foi datos.gob.es, portal de datos abertos nacido en 2011 baixo o marco das accións do Proxecto Aporta. E a última e máis importante, transparencia.gob.es, o Portal da Transparencia do Goberno de España.

No hay comentarios: