jueves, 15 de enero de 2015

GOBERNO ABERTO (I)



Que é "goberno aberto"? Segundo a obra "Open Government: collaboration, transparency, and participation in practice" de Daniel Lathrope e Laurel Ruma, na súa acepción máis básica é “a noción de que o pobo ten dereito de acceso aos documentos e procedementos da Administración”, dereito consagrado na Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 e na Constitución dos Estados Unidos. Na CE recóllese no artigo 105.b) “o acceso dos cidadáns aos arquivos e rexistros administrativos, salvo no que afecte á seguridade e defensa do Estado, a investigación dos delitos e a intimidade das persoas”. Os arts. 62 a 66 da Lei de 17 de xullo de 1958, sobre Procedemento administrativo, introduciron de forma limitada eses dereitos de acceso no noso ordenamento; e a actual Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, os amplía e recolle nos seus artigos 37 (Dereito de acceso á información pública) e 38 (Rexistros).

O recoñecemento do dereito de acceso aos arquivos e rexistros públicos é consecuencia da evolución do noso Dereito administrativo, que é a da ampliación do sometemento das Administracións Públicas ao Dereito e á Xurisdición Contencioso-administrativa, a redución da súa discrecionalidade e a interdición da arbitrariedade (para comprobar que a actuación da Administración se axusta a dereito é necesario poder consultar os expedientes e arquivos nos que se reflicte).

Nas dúas últimas décadas, da man dos avances nas TIC xorden a Administración electrónica (e-administración) e os arquivos dixitais. A primeira facilitou unha maior interacción co cidadán, permitíndolle o inicio e consulta de procedementos, información, notificacións e outros servizos en liña mediante certificados electrónicos. Os segundos supuxeron un cambio drástico respecto dos arquivos e a archivística tradicionais, condicionados desde sempre por problemas de espazo e valor documental aos que se axeitaba o tradicional ciclo de vida dos documentos, e as fases de valoración e destrución de documentos correspondentes. As TIC simplifican a clasificación, conservación, procesado e extracción de datos dos documentos dixitais.

Finalmente, as Administracións actuais, influídas tanto polos movementos open source, open access e open data, como por iniciativas de ámbito internacional, están a levar o acceso á información pública á súa máxima expresión mediante iniciativas de Goberno Aberto en sentido estrito. O movemento aberto facilita o acceso aos documentos e datos non persoais, e proporciónalles visibilidade, tanto no ámbito da investigación como no dos open government data. Iniciativas internacionais como a Open Government Partnership (plataforma internacional creada en 2011 e actualmente integrada por 64 países -nos que Administración e sociedade civil, no marco de plans nacionais de acción, traballan conxuntamente no desenvolvemento de reformas- entre os que se atopa España, implementando a segunda fase do seu plan de acción) ou a Dixital Agenda for Europe (que estableceu unha estratexia da UE para a economía dos datos ou data-driven economy, emendou a Directiva 2003/98/CE relativa á reutilización da Información do sector Público para adecua-la aos open government data, e creou o Portal de datos abertos da Unión Europea, punto de acceso único á gran variedade de datos elaborados polas institucións e outros organismos da Unión Europea) permiten a cooperación, avaliación e integración de iniciativas nacionais.

No hay comentarios: