lunes, 25 de mayo de 2015

A BIBLIOTECA WARBURG


O luns pasado, a páxina web da UDC informaba de que Arsenio Ferraces, profesor e investigador da Facultade de Filoloxía, viña de participar como unico representante español nun seminario sobre o médico grego Galeno no Warburg Institute, de Londres. As semanas anteriores falamos de bibliotecas e humanidades dixitais. Nesta, ocuparémonos da biblioteca do Instituto Warburg, ou Biblioteca Warburg, na que cristalizan moitas das ideas mencionadas con anterioridade.

Aby Warburg, o seu creador, foi un polígrafo alemán que viviu entre os séculos XIX e XX e en cuxa figura se reflicten moitos aspectos do cambio de século. É un Tesla das Humanidades. Son destacables o seu espírito bibliófilo e unha erudición pouco convencional. Xa de neno prestaba especial atención á ordenación da súa pequena biblioteca. Fillo dunha familia acomodada de banqueiros, cedeu os dereitos de primogenitura ao seu irmán menor a cambio de que este lle comprase cuantos libros quixese. Ao longo dos seus estudos foi reunindo unha colección privada que a partir de 1909 empezou a organizar como biblioteca para a educación pública. Foi un historiador da arte, aínda que a súa formación abarcou o resto de disciplinas humanísticas. Así que, xunto ao seu interese polos libros discorren e conflúen os seus coñecementos sobre o renacemento, que reflicte o seu dilección por Florencia, e a influencia do paganismo e o simbolismo característicos da cultura anglosaxoa cuxo estudo estaba en voga na época de Warburg, que se definiu a si mesmo como “Amburghese di cuore, ebreo di sangue, d'anima Fiorentino”. 

En 1921, a biblioteca converteuse nun instituto de investigación e en 1933 foi trasladado a Londres tralo ascenso do réxime nazi.

A Biblioteca Warburg, que vai reunindo e decantando os intereses do creador ao longo dos anos, recolle tanto o espírito do Quattrocento de Florencia e os seus mecenas como as achegas do paganismo anglosaxón e renacentista, influídas á súa vez polas experiencias de Warburg entre o indios Pueblo e Hopi de Novo México. O paganismo e simbolismo dan lugar a unha visión única que se manifesta no contido e na peculiar ordenación da súa biblioteca. 

A súa idea do carácter esencial da imaxe (iconografía) reflíctese na propia biblioteca, tanto no sistema clasificatorio como na ordenación dos seus pisos. Tamén no seu Atlas Mnemosyne. O sistema
clasificatorio estrutúrase ao redor de catro grandes categorías categorías: Imaxe, Palabra, Orientación e Acción. O Atlas Mnemosyne é unha representación visual da memoria europea ao longo de 40 paneis de madeira cubertos de pano negro, con máis de 1.000 imaxes recollidas todo tipo de fontes -libros, xornais- e enlazadas entre si. A relación entre os distintos paneis e as imaxes non é lineal ou unidireccional; é asociativa e en rede, como a que se dá entre os diferentes contidos multimedia das actuais páxinas web: cada panel sería unha especie de páxina web, cada imágen, unha contido web, e a cambiante distribución espacial dos paneis permitiría a navegación entre contidos como a que actualmente facilitan as ligazóns.

No hay comentarios: