lunes, 20 de febrero de 2017

As redes sociais nas bibliotecas



As redes sociais son cada vez máis importantes para as bibliotecas xa que a través delas poden difundir as súas novas, actividades que levan a cabo, ligazóns de interese para a súa comunidade e sobre todo, porque poden comunicarse cos seus usuarios rápida, eficaz e directamente. Estes, á súa vez, teñen a opción de compartir a información, facer comentarios ou discutir algún tema específico.

A BNE, como cabeceira do sistema bibliotecario español, está presente en 6 redes: Facebook, Twitter, Flickr, Youtube, SlideShare e un blog. Cada unha delas se utiliza con diferentes obxectivos: dende Facebook e Twitter informan dos eventos, coleccións, actividades…ou nos ilustran os días do calendario cos contidos do catálogo; en Flickr as imaxes das coleccións son as protagonistas; en Youtube móstranse vídeos de presentación da BNE, de conferencias, retransmisión en directo de eventos…; SlideShare conta con presentacións para compartir, principalmente sobre temas profesionais; por último no blog recóllense artigos tanto especializados como divulgativos.

En canto ás bibliotecas universitarias, destacamos a Universidad Carlos III de Madrid ou o CRAI da Universidad de Barcelona, este último presente ata en 10 redes: blog, Facebook, Twitter, Youtube, ISSUU, Slideshare, Pinterest, Flickr, Peper.li e Google+.
Según un estudo publicado a finais do ano pasado sobre 32 bibliotecas e redes sociais, a da Universidad Carlos III de Madrid ocupa o primeiro lugar, tendo representación galega no posto 21 coa USC. A clasificación está realizada a partir do índice Klout, que mide o grao de influencia dunha persona ou marca nas redes sociais, téndose en conta diferentes parámetros (por exemplo, en Facebook o número de “me gusta”, comentarios, publicacións…ou en Twitter o número de seguidores, retweets, mencións…).
A nivel galego, a Biblioteca da USC, ademáis das redes sociais de cada unha das facultades, ten presenza en sete redes, entre elas o interesante blog Fonseca . Pola súa parte, a Biblioteca da Universidade de Vigo conta tamén co blogDaBiblio.

Centrándonos xa na UDC, a maioría das bibliotecas están presentes nas redes sociais. A que máis éxito ten é Facebook, seguida de Twitter e Pinterest; algunhas tamén contan con blogs, e despois hai outras, como a Biblioteca da Facultade de Ciencias, que ademais de Facebook e Twitter, está presente en Google +, Flickr e YouTube.
Esta Sección de Información e Referencia, ademáis de Facebook e Twitter conta con este blog. O noso obxectivo nestas redes é dar a coñecer os servizos e recursos que a biblioteca pon a disposición da comunidade universitaria, ademáis de transmitir o máis relevante que suceda (novas, proxectos, eventos…) relacionado coa nosa universidade ou con entornos que nos resulten de interese, así como mellorar a pegada que a biblioteca ten na sociedade galega.

No hay comentarios: