O Catálogo Galicia da USC é a
maior fonte documental para os estudos galegos, e polo tanto, a base de datos
de máis interese para a investigación sobre a nosa comunidade autónoma. Os
antecedentes deste catálogo remóntanse a finais dos anos 70, coa demanda de
investigadores interesados na temática galega, que fixo posible a formación dun
ficheiro interno cos datos dos libros galegos existentes nos fondos da
Biblioteca Xeral. Xa nos anos 80 créase a Sección Galicia e decídese facer un
catálogo dedicado aos fondos galegos da biblioteca, tanto das monografías como
das publicacións periódicas.
Os criterios para a inclusión
dunha obra neste catálogo é que cumpra algún dos seguintes requisitos:
- Estar escrita en lingua galega
- O autor é galego, independentemente da lingua na que escriba e de que resida ou non en Galicia
- O autor reside en Galicia, sen ter nacido aquí, e a súa vida e/ou a súa obra está vinculada a Galicia
- O autor desenvolveu a súa actividade profesional temporalmente en Galicia
- Obras editadas en Galicia por calquera editorial ou institución, sexa cal sexa o idioma da publicación
- Obras sobre Galicia ou sobre autores ou personaxes galegos, sexe cal sexa o país ou a lingua de publicación
Hai que destacar a gran riqueza
deste fondo, non só polo seu tamaño, senón tamén pola súa calidade, xa que é posuidor de primeiras
edicións, fondo patrimonial, literatura non comercial, separatas, etc., con
moitos exemplares únicos. É, polo tanto, un catálogo que serve de referencia
non só a comunidade universitaria, senón tamén á sociedade galega, ao ser
dalgunha maneira a bibliografía nacional galega.
Nos últimos anos a BUSC está
traballando no acceso dixital ao seu fondo galego e patrimonial; como
resultado, parte do fondo está presente en Minerva, o
repositorio institucional da USC, e tamén no apartado Coleccións dixitais do catálogo
da BUSC. Nestas últimas, poden consultarse as seguintes coleccións con presenza
de fondo galego:
- Galicia: títulos dos libros dixitalizados do fondo galego de manuscritos e impresos publicados entre 1483 e 1900
- Prensa galega: títulos de prensa e revistas dixitalizadas de fondo antigo galego
- Bibliografías Letras Galegas: catálogos bibliográficos elaborados pola biblioteca correspondentes a diferentes mostras bibliográficas organizadas anualmente con motivo do Día das Letras Galegas
Tamén existe fondo galego
nalgunha das outras coleccións, como en Incunables, Literaturas Hispánicas ou
Biblioteca América.
Ademáis deste catálogo, temos que
citar a base de datos Autores
galegos na BUSC, que actúa como directorio de autores galegos, ofrecendo
información bio-bibliográfica daqueles autores que, figurando no catálogo da
BUSC, son naturais de Galicia, teñen vinculación coa cultura galega, ou
desenvolven en Galicia a súa actividade profesional ou creativa.
Para obter máis información sobre
estas bases de datos podedes consultar o artigo “Os fondos galegos da Biblioteca
Universitaria de Santiago”, publicado por Pedro Incio en Murguía:
revista galega de historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario