Coa inauguración a vindeira
semana do curso académico 2017/2018 do Sistema Universitario Galego, dedicamos
este post a facer un pequeno percorrido pola oferta académica (graos, mestrados
e doutoramentos) das tres universidades galegas, centrándonos especialmente na
UDC. Aínda que cada universidade realizará os seus correspondentes actos oficiais
de inauguración, haberá un común presidido polos reitores das tres
universidades galegas e que terá lugar na Universidade de Vigo o vindeiro 8 de
setembro as 12.00 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
No que respecta exclusivamente
aos graos, excluíndo mestrados e doutoramentos, a Comisión Interuniversitaria
de Galicia resume neste tríptico
a oferta de prazas das tres universidades galegas.
Analizando independemente cada
universidade, atopamos que a USC
oferta os seguintes graos, mestrados e programas de doutoramento nos
seus campus de Santiago e Lugo. Aparecen clasificados nas 5 grandes áreas do
coñecemento: artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais
e xurídicas e enxeñaría e arquitectura, e de cada un deles ofrécese tanto
información xeral (número de prazas, admisión e matrícula…) así como
información máis detallada (plan de estudos, con datos das materias de cada
curso).
Pola súa parte, a Universidade de Vigo, a través dos seus
tres campus (Vigo, Pontevedra e Ourense), ofrece estes graos, programas
conxuntos (dobres graos), mestrados e doutoramentos,
dos que inclué bastante información na súa web a través de folletos, videos ou
memorias.
Centrándonos xa na nosa
universidade, a UDC, composta polos
campus de A Coruña e de Ferrol, oferta numerosos graos, mestrados e
doutoramentos dos que se atopa información detallada de cada un nas seguintes guías: información xeral cos
obxectivos de cada titulación, saídas profesionais e académicas, profesorado,
así como a estrutura dos estudos, con tódalas materias organizadas por cursos
coas súas respectivas guías docentes.
Para aqueles novos estudantes que
se incorporen este ano á universidade, a UDC achégaos a nosa institución a
través deste vídeo
de presentación.
Ademáis, a UDC conta cunha serie
de estudos de posgrado
propios, organizados pola propia universidade ou en colaboración con outras
institucións, que conducen á obtención de títulos exclusivos da UDC e que non
teñen carácter oficial. Son de tres tipos: mestrados, cursos de especialización
e cursos de formación específica de posgrado, dirixidos especialmente a
titulados universitarios que desexan acadar un nivel de especialización
complementario á súa formación.
Para ampliar a información sobre
calquer estudo da UDC, podedes consultar o apartado da web dedicado a Estudos e formación.
Rematamos este post informando de
novas propostas de titulacións. Aínda que non comezarán este curso, as
universidades, actualizando a súa oferta académica acorde co que demanda o
mercado laboral, traballan na implantación de novas carreiras a partir do
vindeiro curso: no caso da UDC, materializarase en Ferrol co grao de Xestión
Industrial da Moda, e os mestrados en Deseño Industrial, con especialidades de
Xoias, Mobles e Automoción e Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
En colaboración coa USC, tamén
ofertará o grao interuniversitario en Paisaxe, que se impartirá na UDC (Coruña)
e USC (Lugo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario