jueves, 7 de septiembre de 2017

As bibliotecas das universidades galegas



Se a semana pasada analizabamos a oferta académica das tres universidades galegas con motivo da inauguración do curso académico 2017/2018, esta centrarémonos nas súas bibliotecas, cuxo fin é poñer a disposición dos usuarios recursos de información para dar soporte ao estudo, á docencia e á investigación.
As tres bibliotecas son o que se coñece como bibliotecas híbridas, é dicir, con coleccións e servizos presenciais e con coleccións e servizos en liña. Os fondos de todas elas pódense consultar a través dos seus respectivos catálogos: o da UDC, USC e UVigo.
Na Biblioteca da USC destaca especialmente o seu fondo dedicado a Galicia, así como o seu amplo fondo antigo. Ambos materialízanse na súa web nestas coleccións dixitais, resultado de diversos proxectos de dixitalización. Os recursos electrónicos contratados por esta biblioteca agrúpanse en reBUSCa.  No caso da Biblioteca da UVigo, a súa biblioteca dixital encóntrase no apartado de Recursos-e.
Tamén é importante salientar a importancia dos seus repositorios institucionais, que ofrecen acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros das universidades no seu labor de investigación e docencia: o RUC na UDC, Minerva na USC e Investigo na UVigo.
Por outra banda, é necesario citar que as redes sociais xogan un papel moi destacado na actualidade para difundir temas de interese para o conxunto da comunidade universitaria. As 3 bibliotecas contan con presenza en diversas redes: no que respecta á BUSC, podedes consultalas neste listado, destacando ademáis o seu blog Fonseca. Pola súa parte, a Biblioteca da UVigo conta tamén co blogDaBiblio. En canto á nosa universidade, tamén ofrecemos un listado da presenza das diferentes bibliotecas da UDC neste tipo de redes.

Centrándonos xa na Biblioteca Universitaria da UDC, conta en total con 17 puntos de servizo: o Servizo de Biblioteca (biblioteca central da UDC), 4 bibliotecas intercentros e 12 de centros. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse reducido en periodos de vacacións. Ademáis da páxina web xeral da Biblioteca Universitaria, case tódalas bibliotecas dos centros teñen páxina web creada polo seu persoal, na que se difunden os servizos, recursos de información, etc. aos que pode acceder a comunidade universitaria. A biblioteca conta cunha extensa colección de libros e revistas en papel, DVD, libros e revistas electrónicas ou bases de datos, entre outros.
Ademáis pretendemos achegarnos mellor aos nosos usuarios mediante os cursos de formación que se imparten ao longo do curso académico e que teñen como obxectivo conseguir que os usuarios coñezan e utilicen cada vez máis os nosos recursos.
De cara ao usuario destacamos uns documentos normativos que poden ser de gran interese: as Normas de préstamo do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña e as Normas de uso do préstamo interbibliotecario da Biblioteca da UDC.
Orientadas aos investigadores, recentemente creáronse unas guías para ofrecerlles, desde un único punto web, información que lles poida servir no desenvolvemento da súa actividade investigadora como membros da UDC. 
Xa por último, comentar que se necesitades resolver calquera cuestión relacionada coa biblioteca, os nosos recursos ou servizos, non dubidedes en contactar con nós. Podedes facelo persoalmente nos mostradores de atención das diferentes bibliotecas, telefónicamente, por e-mail ou a través dun formulario web.

No hay comentarios: