lunes, 16 de octubre de 2017

Preservación dixital e bibliotecas



 
Seguindo a definición que aporta a Biblioteca de Cataluña podemos definir a preservación dixital como a aplicación de técnicas e métodos que permitan garantir que a información almacenada dixitalmente en calquera tipo de formato, programa, máquina ou sistema continúe sendo accesible no futuro. Cando se fala de preservación hai que facelo desde dous perspectivas: tanto da preservación de documentos analóxicos a través da súa dixitalización como da preservación dos materiais nados dixitalmente.
É a mediados da década de 1990 cando comezan a realizarse os primeiros pasos de dixitalización en bibliotecas, que xunto a explosión da información dixital que supuxo a aparición da www, provocou que as institucións comezaran a investigar técnicas de preservación dixital.

Como sinala Miquel Térmens, a principal diferenza entre a información dixital e a analóxica no que respecta á súa conservación é a súa fraxilidade, debido a que a dixital é fácilmente editable e a que o entorno informático é obsoleto rápidamente.
Son varias as estratexias que se poden poñer en práctica para asegurar unha adecuada e perdurable preservación. Adrián Macías recompila as seguintes:
- Migración: é unha das medidas máis utilizadas na actualidade. Consiste en importar os documentos a novos formatos cuxo uso estea vixente.
- Emulación: trátase da simulación do software orixinal que creou os documentos co fin de executalos sen necesidade de contar co programa orixinal. Existen poucas experiencias reais e require de coñecementos informáticos moi avanzados.
- Replicado ou copia de seguridade: adóitase aplicar para evitar a perda de información sensible ou relevante. Consiste na duplicación de datos almacenados ante perdas inesperadas.
- Arqueoloxía dixital: técnica especializada na recuperación de información con gran antigüedade, danada ou con perdas debido a malas prácticas no que se refire a conservación, almacenaxe ou pola obsolescencia dos sistemas ou formatos.

Tampouco nos debemos de esquecer dos metadatos. Consiste en crear datos vinculados á información para a correcta identificación e descripción dos documentos. A técnica que prioriza os metadatos é  unha das opcións máis importantes e na que as institucións se mostran máis interesadas.
A IFLA, principal organismo internacional que representa os intereses dos servizos bibliotecarios, respalda e promove estratexias de dixitalización, as cales contribúen á preservación de documentos orixinais ou soportes que se están deteriorando. Afirma que tódalas iniciativas de bibliotecas dixitais deben comprender plans para a preservación dixital.
Aproveitamos esta pequena conceptualización do significado da preservación dixital e a súa relación coas bibliotecas dixitais para citar algún dos proxectos máis importantes que se realizaron dende as institucións en materia de dixitalización das coleccións, cuns exemplos a nivel galego, español e europeo:

  • Galiciana: é a biblioteca dixital de Galicia, cuxo principal obxectivo é a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para a nosa comunidade autónoma. Ademáis de fondos propios da Biblioteca de Galicia, nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego ou a Real Academia Galega, entre outros.
  • Hispana: portal de acceso á cultura dixital española que reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos españois. Entre as coleccións que Hispana colleita destacan os repositorios institucionais das universidades españolas, entre eles o RUC, o repositorio institucional da Universidade da Coruña. Inclúe un directorio dos proxectos de dixitalización que se están a facer en España.
  • Europeana: é a biblioteca dixital europea, que reúne contribucións das máis recoñecidas institucións culturais dos Estados membros da Unión Europea. Os seus fondos inclúen libros, películas, pinturas, periódicos, arquivos sonoros, mapas, manuscritos e outros arquivos. 

No hay comentarios: