miércoles, 16 de mayo de 2018

María Victoria Moreno Márquez, Letras Galegas 2018

Ilustración: David Pintor

O Día das Letras Galegas vén tendo lugar tódolos 17 de maio dende 1963. A primeira homenaxeada foi Rosalía de Castro, xa que precisamente nesa data conmemórase o centenario da primeira edición en 1863 da súa obra Cantares Gallegos.
Este ano está dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez. Trátase da cuarta muller (tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño) homenaxeada co Día das Letras Galegas en 55 anos de historia.

Aínda que naceu en Cáceres, chegou a Galicia con tan só 22 anos para exercer como profesora, e axiña asumiu a cidadanía en galego. Cultivou principalmente a literatura infantil e xuvenil, aínda que tamén o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua foi a súa novela Anagnórise, incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil). Tamén dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia e participou activamente na vida cultural e política de Pontevedra, onde faleceu en 2005.
Se vos interesa coñecer a súa obra podedes consultar no noso catálogo tódolos documentos que temos de María Victoria Moreno. Ademais, contamos con algunhas biografías sobre a autora.

Entre as actividades conmemorativas que se levarán a cabo estes días destacamos as seguintes: 

- Pleno extraordinario da Real Academia Galega  no Teatro Principal de Pontevedra o propio 17 de maio ás 12.30 horas, na que intervirán os académicos Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.

- A exposición itinerante María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, que pasará por diferentes concellos de Galicia que se poden consultar na seguinte ligazón.

- Nas Bibliotecas Municipais da Coruña, durante esta semana o préstamo de materiais en galego será ilimitado e, ademais, lanzaron un concurso co que se poderá gañar un lote de libros en galego. Máis información na seguinte ligazón.

- Dende o Concello de A Coruña programaron diversas actividades, entre as que destaca unha programación específica elaborada, en común, coas librarías da Coruña. Ademais, o propio 17 de maio o Goberno local organizará, por terceiro ano consecutivo, unha lectura pública da obra da homenaxeada dende o balcón do Pazo de María Pita ás 12.00 horas. 

- Nas bibliotecas da UDC, a Biblioteca Casa do Patín elaborou a exposición Mulleres no Día das Letras Galegas; a Biblioteca de Filoloxía inclúe un taboleiro de Pinterest coas obras que teñen desta autora, ademais de acoller tamén nas súas instalacións unha exposición; a Biblioteca de Socioloxía e CC. Da Comunicación conta cunha exposición bibliográfica de Galicia dende múltiples puntos de vista máis aló do literario; a Biblioteca de Educación ademais de acoller unha exposición bibliográfica nas vitrinas da biblioteca, incluiu no seu blog un texto de Patricia Carballal, profesora da facultade, no que se achega á visión da escola que transmite María Victoria a través das súas obras; e na Biblioteca de Economía e Empresa fixeron un pequeno centro de interese sobre a escritora. 

Finalmente, destacamos varias páxinas web nas que atopar moita información sobre a homenaxeada: a Real Academia Galega conta cun amplo apartado dedicado á historia do Día das Letras Galegas, así como ás biografías e obras de tódolos homenaxeados ao longo da historia; o Consello da Cultura Galega no seu Álbum de Mulleres trata de divulgar e investigar as contribucións das mulleres á sociedade e cultura galegas, incluíndo un da propia autora; e por último, a Biblioteca da USC, como tódolos anos dende 2013, dedica un blog a cada figura homenaxeada neste día.

No hay comentarios: