Entre as institucións pioneiras
no establecemento dos primeiros mandatos de Acceso Aberto relativos a
universidades destaca a Universidade do Minho, polo que neste post faremos un
percorrido polos proxectos nos que participa.
En xeral, o desenvolvemento do
Acceso Aberto en Portugal foi impulsado polas universidades, destacando o
liderado desta universidade nas primeiras iniciativas como foron a creación do
seu repositorio institucional, RepositóriUM
(primeiro repositorio científico portugués, presentado en 2003), e a
implementación dunha política institucional de autoarquivo en 2005. A Universidade
do Minho converteuse así na primeira institución do mundo que obrigaba ao autoarquivo, requerimento que foi
seguido posteriormente en diferentes institucións. Como dato curioso, Ignasi
Labastida e César Iglesias (2006) sinalan que a partir de establecer dita
obrigación, no prazo dun ano multiplicou por cinco o número de documentos.
Durante os anos seguintes diversas
universidades crearon os seus repositorios, pero chegou un punto no que se fixo
evidente a necesidade dun recolector científico nacional que recollera os
esforzos das diferentes institucións. Así, en 2008 púxose en marcha RCAAP, Repositorio Científico de Acceso
Abierto de Portugal, que conta co asesoramento científico e técnico da
Universidade do Minho. Na actualidade, o RCAAP recolecta 51 repositorios
institucionais (universitarios, centros de investigación, laboratorios ou
hospitais).
Esta universidade tamén participa
como socio coordinador no proxecto europeo FOSTER, cuxo principal obxectivo é
establecer un programa de formación que axude aos investigadores,
bibliotecarios e outros implicados a adoptar os principios e políticas de
acceso aberto para crear e compartir coñecemento conforme ao programa Horizonte
2020 e a European Research Area (ERA). Ademais, destaca a súa participación en
proxectos financiados pola Comisión Europea como OpenAIRE, que apoia a aplicación da política
de acceso aberto en Europa.
Finalmente, mencionar que é
membro fundador de COAR (Confederation
of Open Access Repositories), confederación de repositorios de acceso aberto
que une e representa a 90 institucións de todo o mundo.
En definitiva, por todo o exposto
anteriormente, podemos ver a Universidade do Minho como unha das institucións
na vangarda do acceso aberto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario