viernes, 1 de junio de 2018

Acceso aberto: recursos na web da Biblioteca da UDC



O acceso aberto ou Open Access é un movemento que implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en Internet, de forma que os usuarios poden consultalos gratis, descargalos, imprimilos ou distribuílos. Aínda que se adoita relacionar coa produción de artigos de revistas, tamén fai referencia a outros tipos de documentos como imaxes, documentos audiovisuais, materiais de aprendizaxe, etc.

Na web da biblioteca ofrecemos un apartado dedicado a este movemento, onde podedes atopar todo tipo de recursos destas características. Éste comeza cun esquema baseado na taxonomía FOSTER (a cal relaciona e agrupa as diferentes praxis de Ciencia Aberta), e cunha introdución na que se explica tanto o concepto como as formas de publicar en acceso aberto.
A continuación ofrécese unha listaxe de diferentes tipos de documentos (portais de revistas, libros académicos, repositorios, material multimedia…) que conteñen ligazóns a recursos que vos poden resultar de interese como apoio á aprendizaxe ou investigación. Centrarémosnos en mostrarvos os máis destacados, aínda que podedes consultar a lista completa na seguinte ligazón

Os portais de libros e revistas en acceso aberto son quizais os recursos máis estendidos e seguen crecendo na actualidade. Respecto aos libros, son moitas as plataformas que conteñen ebooks de acceso aberto dispoñibles gratuitamente para calquera persoa que os desexe utilizar. Cabe salientar que ás veces as editoriais científicas teñen un apartado con libros electrónicos gratuítos, como Libros CSIC, edición electrónica da Editorial CSIC ou SpringerOpen books, da editorial Springer. Tamén existen iniciativas de editoriais universitarias, como por exemplo a Deusto Open Books. En canto ás revistas, cada vez son máis as revistas en acceso aberto que se atopan nos principais índices de calidade; na web incluímos unha selección de portais e editores que ofrecen os contidos sen necesidade de compra ou subscrición.

Outro dos medios a través dos que se materializa o acceso aberto son os repositorios, entendidos como arquivos onde se almacenan recursos dixitais. Na web incluímos tanto directorios de repositorios para poder localizalos, como repositorios temáticos ou institucionais, entre eles o RUC, Repositorio Institucional da Universidade da Coruña, que ofrece acceso aberto ao texto completo de  documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia.
Tamén destacamos os datos de investigación (materiais xerados ou recollidos durante o transcurso da realización dunha investigación), xa que tódolos proxectos financiados con H2020 iniciados en 2017 deberán garantir o acceso aberto a estos datos.
Os recursos educativos abertos son outros dos materiais incluídos na web, centrándonos fundamentalmente nas plataformas de cursos MOOC (cursos online masivos e abertos). Así mesmo, atoparedes material multimedia, con diversas páxinas de imaxes e fotografías libres de dereitos, así como plataformas de vídeos.
Finalmente, sinalar que tamén se inclúe outro tipo de información relacionada co acceso aberto como é a revisión e financiación en aberto, ciencia aberta ou cultura aberta, entre outros.

No hay comentarios: